Chegar á xente


Este mércores, o Consello da Cultura Galega inaugurou na igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela, onde se atopa o Panteón de Galicia, a exposición Alba de gloria de Castelao. Unha experiencia. A mostra conmemora os 70 anos da lectura, o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino de Bos Aires, do que se considera o derradeiro gran discurso do rianxeiro. Tiven a honra de comisariar este proxecto expositivo que inclúe a lectura dramatizada do texto, unha recreación en realidade virtual dalgunhas das pasaxes do discurso e moitos máis contidos.

Alba de gloria é considerada unha das mellores pezas de oratoria en lingua galega. Unha auténtica alfaia non só da lingua, senón da capacidade de comunicar. Castelao perfilouno coma se fora un ourive, empregando a coñecidísima Santa Compaña para contar a historia de Galicia e a moi arousán tradición das almiñas para falar dos humildes e do futuro de Galicia. A xente traballadora, labrega e mariñeira, adoraba a Castelao porque o entendía. E isto si que non é retórica.

Que político é, hoxe en día, capaz de facer vibrar ás masas coa arte da palabra? ¿Quen deles escribe a conciencia un discurso para que perdure na memoria das xentes como Castelao era quen de facer?

Son outros tempos, por suposto. Se cadra a palabra dada hoxe xa non sexa tan importante. Pero a xulgar polo impacto que as vizosas imaxes de Alba de gloria seguen a provocar nos lectores, está claro que continuamos precisando que nos cheguen, coas palabras, ao corazón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Chegar á xente