Pepe de Xan de Pedro é un estradense xubilado, neto de portugueses. O seu avó, Pedro Silva, chegou a Curantes -a parroquia na que naceu o inventor da calculadora, Ramón Verea- para traballar na construción e restauración de casas tradicionais. Non sabemos por que razón moitísimos portugueses viñan vivir a Galicia para fabricar as trabes de madeira das nosas casas, talvez pola súa pericia na selección e corta das árbores que transformarían en estrutura das casas.
Eran especialistas escollendo os mellores carballos -que tiñan troncos dereitos- que deitaban na propia fraga para preparalos con serróns de volta sobre cabaletes ata chegar á perfección que buscaban para encaixar nas fábricas de cachotaría que agardaban construídas.
Cando todas as trabes da casa estaban listas e apiadas, interviña o traballo colectivo propio das aldeas galegas; todos os veciños axudaban a arrastralas polos camiños e congostras ata a obra, tiradas por un par de vacas e armados de pancas e cadeas. Xa na obra, a súa colocación corría por conta dos carpinteiros da parroquia, que as subían ata os dormentes que agardaban nos muros. Asentáronse nas nosas aldeas e integráronse entre nós, como outros galegos máis, e hoxe a algúns dos seus netos unicamente lles queda o alcume O Portugués, de toda a familia.
Ben distinta é a condición pola que hoxe se contratan portugueses na construción, que mais ben está relacionada co salario que se lle paga e co valor do esforzo, que teñen máis arraigado eles que nós. Ben coñecido é o labor dos obreiros veciños na construción da ponte sobre o Ulla.