Alberto Albán: «A filosofía é xogar pasándoo ben»

O técnico do Lesende abordou o esquema de xogo ofensivo que están a construír


Alberto Albán é o técnico dun Lesende que ocupa a quinta praza do cuarto grupo de Segunda Galicia, pero do que está seguro de que aínda hai marxe de mellora para o esquema de xogo ofensivo que quere construír.

-Cal é o obxectivo que se marcaron este ano en Lousame?

-Non nos marcamos grandes metas. A filosofía é xogar pasándoo ben. Este é un club de pobo, no que a amizade é a columna vertebral do equipo e no que destaca un grupo de amigos que levan moito tempo xogando xuntos. Ademais, somos un conxunto ligado ao Noia, que ás veces funciona como unha ponte para os xuvenís. Evidentemente, queremos a vitoria e, se é posible, meternos de cheo na cabeza.

-Como ve o inicio desta liga?

-Non arrancamos todo o ben que a min me gustaría. A pretempada foi regular polas dificultades para conciliar, xa que a xente ten que traballar. Tamén houbo bastantes incorporacións que hai que encaixar, e nese sentido non tivemos continuidade nos adestramentos.

-Cal é o perfil dos novos?

-O equipo ten potencial e mellorará seguro, contamos con catro xuvenís chegados do Noia, con Manu Estévez que vén do Esteirana e recuperamos a Canario e a César Oviedo. Este último chegou a anotar 25 tantos, cremos que será o gol que nos fai falta.

-A que quere xogar o Lesende e a que está xogando agora?

-Somos un equipo ofensivo, pero non estamos marcando, e xogar así mina a defensa. Atrás, ás veces estamos regalando oportunidades por non ter intensidade e porque estamos xustos de persoal abaixo. Estanos custando sacar adiante algúns partidos. Aínda así, estamos xerando ocasións de gol, só falta materializar.

-Quen cre que está chamado a dominar este grupo?

-Sen dúbida ningunha, o Ribeira e o Cacheiras son os equipos a bater. Iso si, penso que o Taragoña e o Cabo tamén estarán arriba loitando.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Alberto Albán: «A filosofía é xogar pasándoo ben»