«Mellorar a calidade das augas é fundamental»

La Voz

BARBANZA

O pósito noiés realiza un intenso control dos bancos marisqueiros, un labor do que se ocupa a bióloga que dende hai anos traballa para a entidade. Sen embargo, Santiago Cruz recoñece que hai un aspecto que non está baixo o seu control e que lle preocupa: o control dos verteduras.

-O saneamento da ría continúa a ser unha materia pendente.

-Mellorar a calidade das augas é fundamental. Trátase dunha cuestión prioritaria para a calidade do produto. É unha materia pendente de todos os partidos. Non se valora a riqueza que temos nas rías, que proporcionan emprego a milleiros de familias. Os informes de Augas de Galicia indican que hai carencias.

-¿Poderíase mellorar a produción cun axeitado tratamento da calidade das augas?

-Na zona de Testal-Obre, nas Saíñas ou cara Ceilán podería mellorarse a produción. Temos o compromiso do alcalde de Noia de que a medio prazo vaise facer unha depuradora en Ceilán.

-¿A confraría de Noia ten as infraestruturas e inversións que merece dada a súa importancia económica?

-A Administración ten un proxecto para mellorar a lonxa de Testal. Vaise facer unha reforma para corrixir algunhas deficiencias e farase unha reforma para que, mediante unha pasarela, as persoas que o desexen poidan ver a poxa. En canto ao resto das instalacións, as principais deficiencias están nos pantaláns, que precisan unha actuación.

-Unha das súas maiores preocupacións é a toxina, ¿como vai o proceso para poder contar cun laboratorio propio?

-Hai sintonía coa consellería e teño que agradecer o traballo que se está a facer neste eido. O Intecmar fai máis análises na auga cando se detecta toxina. Nós movémonos moito e penso que cumprimos moitos obxectivos para controlala. Temos dúas empresas privadas que nos fan as analíticas a fin de semana, que é algo que non se dá en ningún outro lugar. Traballamos para ter garantías porque situacións como as que se deron no pasado supoñen un importante problema para a confraría. Queremos poñer todos os medios para evitar que os profesionais podan verse afectados.