Igualdade

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu non coñecín a Miguel Rodríguez Bautista, pero teño referencias súas como alcalde de Ribeira entre 1940 e 1960, considerado unanimemente de ser un franquista providencial para ese pobo e o artífice do que hoxe é e representa este concello na bisbarra. Coido que era xefe de Correos e, politicamente, foi procurador en Cortes o que, de seguro, lle permitiu acceder ao ditador e convencelo de que apostase polo sector mariñeiro ribeirense financiándolle grandes obras portuarias naqueles tempos.

No 2016, os concelleiros do BNG, C’s e PSOE ribeirenses presentaron unha moción para modificar o nome da avenida que o honra, que non prosperou polos votos en contra do PP de Manolo Ruiz e do IPdR de Rosa García, que penso non é sospeitosa de ser, precisamente, fan do Xeneralísimo (nin Ruiz tampouco). Á vista de que, novamente, a esquerda española que agora é comunista e aínda non amosou toda a súa potencialidade, pretende penalizar con ata catro anos de cárcere a quen faga apoloxía do franquismo, ¿que debemos entender?

Pois ben, tendo en conta, porque así o contan os historiadores, que houbo unha represión brutal do franquismo na que, ao marxe das vítimas directas da guerra, se calcula que máis de ¡cen mil! españois desapareceron, penso que isto, dalgún xeito, debe ser condenable e reprochable sempre e cando tamén se recoñeza, condene e reproche que o comunismo mundial, tamén segundo os historiadores, causou por asasinato, terror, tortura, traballos forzosos, xenocidio... máis de ¡cen millóns! de mortos. A xustiza debe ser igual para todos. ¿Non si?.