Manuel Romero: As mans que moldean as pedras do Son

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Canteiro desde os 15 anos, foi pouco a pouco descubrindo o eido artístico

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca se sabe que corpo pode encerrar no seu interior un artista. Ás veces, onde menos se espera, xorde a chispa da creatividade e o que era un traballo, unha rutina cotiá, convértese de súpeto nunha paixón alimentada polas ansias de materializar pensamentos e sentimentos. Manuel Romero converteuse en canteiro cando tiña 15 anos. Seguindo os pasos do seu pai, acudía ao monte para extraer pedra da canteira, cortala e preparala para o seu emprego no eido da construción. Daquela, na década dos 80, todo o traballo se facía de forma artesanal, coa axuda de ferramentas moi sinxelas, polo que a este veciño de San Pedro de Muro non lle quedou máis remedio que ir collendo habilidade coas mans.

Aínda que ao principio era un traballo máis, unha forma de gañarse a vida, Manuel Romero descubriu pouco a pouco nas pedras un valor engadido e non o quixo desaproveitar. Con 17 anos dáballe forma á que pode considerarse a súa primeira obra de arte: «Foi un cruceiro que fixen para min, unha especie de proba que me animei a realizar para comprobar do que era capaz».

O resultado gustoulle e decidiu seguir por ese camiño. Por encargo facía, fundamentalmente, remates, cruces e pequenas figuras para engalanar os cemiterios, pero nas horas libres experimentaba formas a golpe de martelo e cicel. «Despois do cruceiro probei cun busto, sen ter referencias ningunhas, para adiviñar se era quen de manter unhas proporcións axeitadas», lembra.

E pouco a pouco, coas pezas que lle pedían e as que brotaban do seu maxín, foi ampliando o abano. Agora, o sonense asegura que se atreve practicamente con todo: «Os encargos que teño soen estar vinculados coa temática relixiosa, porque a xente aínda ten gañas de pagar por elas». Os mariñeiros pídenlle reproducións da súa Virxe do Carme e o resto dos veciños, figuras para os cemiterios.

Paixón polo abstracto

Pero o que realmente lle gusta facer a este veciño do Son nada ten que ver con imaxes de temática relixiosa: «O que fago por gusto son pezas abstractas, o que pasa é que esas non teñen saída a nivel comercial, así que as teño todas almacenadas na miña casa». Á hora de crear libremente, segue os pasos de outros escultores galegos de renome, coma o pontevedrés Francisco Pazos, aínda que asegura que o seu estado de ánimo é o que marca o resultado: «Cando estou contento fago figuras que poden resultar máis simpáticas».

Iso si, Manuel Romero mantense fiel aos seus comezos no que ao proceso de traballo se refire: «É certo que as ferramentas non son as de antes e fun avanzando cos tempos, pero sigo un proceso manual e artesanal». Non pode evitar rirse cando fala do prezo que debería poñerlle ás súas obras se tivera en conta o tempo empregado nelas: «O que fago por encargo está pactado de antemán, pero cando traballo en plan artístico é moi complicado taxar os traballos. Nunca sabes o tempo que che vai levar unha obra e, ás veces, ata descoñeces cal vai ser o resultado final».

Manuel Romero é un dos artistas que descubriu Pepe Vila quen, a través da asociación Sartaxas, promoveu a montaxe na casa de cultura de San Pedro de Muro dunha exposición con obras de media ducia de creadores que son da parroquia. El achega á mostra a figura dun Cristo penitente e a dun home cun barril: «De vez en cando tamén me decanto pola tradición popular».

Mentres trata de buscarse a vida con traballos máis liviáns que o de canteiro, que asegura que lle ten esnaquizadas as costas, este sonense soña con dar un día o salto coas súas pezas abstractas. Ten claro onde colocaría unha delas se lle deran esa posibilidade: «Gustaríame que unha quedara en San Pedro de Muro, pero recoñezo que nunca se me pasou pola cabeza que alguén tivera interese en empregar un traballo meu como monumento».