Pronósticos e augurios

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

13 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro unha tarde de pesca, cando un veciño me ensinou a recoñecer nunhas nubes a ameaza do nordés que nos obrigaba a recoller as liñas, ou a unha veciña que cada mañá, con só mirar para o oeste, prognosticaba para todo o barrio se se ía poder secar a roupa. Observamos, ou mellor será dicir observaban os nosos maiores, se o gato lava a cara ou cal é a frecuencia do canto dos grilos como prognóstico do tempo, adiantándose coa mesma exactitude, polo menos, ca Meteogalicia. Pero agora, para esas cousas todos temos unha aplicación no móbil que ata nos di que roupa habemos poñer sen necesidade de subir as persianas. E a verdade é que hai unha base científica nestes prognósticos. Outra cousa moi diferente é cando aquilo que puido ser algún día unha casualidade é tomado como anuncio premonitorio, e dáse por certo que se bouran os cans é porque ventan a morte, se o camiño ule a cera é que se está adiantando ó paso dun cadáver, e se é martes, e para máis día 13, é mellor non saír da casa. Destas tamén temos moreas de sinais que se toman ó pé da letra confundindo a demostración empírica coa casualidade. E aínda que non sexan acertadas as relacións causa efecto que poidan ter, a mínima eventualidade converte en evidencia que un corvo grallando atrae a mala sorte.

Hai pois dous tipos de presaxios que a ansia por coñecer os camiños do porvir nos fai confundir, uns que se basean na razón e outros baseados en casualidades que de tanto repetilas entendemos que teñen unha lóxica realmente inexistente, pero acollémolas coa mesma fe ca unha análise de sangue por mor desa necesidade de adiantarnos, de sentirnos previndos, de coñecer de antemán o noso futuro.

Na literatura abundan exemplos destes agoiros, que non prognósticos. Cando as bruxas de Macbeth, lle anuncian que será rei, o que realmente fan é espertar a ambición tanto nel como na súa esposa. Efectivamente están adiantándose o futuro, pero cabe preguntarse se as bruxas coñecían ese futuro ou o incitaban. Asemade, ¿cantas veces o augurio non se narra en pasado, cando alguén conta que el xa viu, xa presenciou ou xa foi avisado de que algo malo ía pasar?, pero non dixo nada, nin nada preventivo fixo, por medo ou por non molestar, co que o vidente xa se converte en cómplice do mal. ¿Cantas veces non se busca no pasado o sinal do que se está vivindo? E con tantos anuncios premonitorios que temos, e a longa tradición que deles arrastramos, non entendo que non saibamos poñernos en garda para evitar ese mal, como aquel mariñeiro da miña infancia evitaba o nordés observando as nubes a pesares de non saber nada de isóbaras.

Este verán vin, preto de onde vivo, a un grupo de adiviñas que, armadas cunha ramiña de romeu lle anunciaban ós viandantes o futuro a troco de non sei cantas moedas, e o caso é que había moita xente que se deixaba enlear por tan pintorescas psicólogas; e con elas, igual ca coas bruxas de Macbeth, cabe preguntarse ¿coñecen elas o futuro ou provócano?.

Necesitamos saber que nos depara o porvir abríndolle as tripas a un polo, botando as cartas ou observando os pousos do café, sen ter en conta se o polo comeu millo ou fariña de penso, se o café era espeso ou se as cartas foron baralladas tres ou catro veces, porque o misterio do augurio sempre é máis atractivo que a razón lóxica dun prognóstico.