Buxaina: Un cuarto de século animando as festas

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A agrupación cumpre 25 anos co reto de seguir espallando o folclore tradicional

01 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai festa ou romaría que se prece en Galicia sen o son dunha gaita espertando aos veciños, caldeando a sesión vermú ou alongando unha sobremesa. Pero detrás desas agrupacións que, botando man do folclore tradicional, contribúen a espallar o ambiente festivo, hai case sempre persoas altruístas, capaces incluso de poñer cartos do seu peto para evitar que unha parte importante da cultura acabe morrendo. É o caso de Alma Caamaño e dos seus compañeiros de Buxaina, unha formación de Taragoña con 25 anos de vida e con moitas ganas de seguir loitando coa gaita na man.

A historia de Buxaina empezaba a escribirse nun local do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña alá polo ano 1993. Un grupo de veciños participaban nun curso de iniciación á gaita: «Había un feixe de xente ilusionada, ata familias completas», lembra Alma Caamaño. Ela situouse desde o principio á fronte da formación que saíu daquel obradoiro e é a única que desde entón continúa no grupo: «A min gústame moito este mundo. Son docente, mestra especialista en música, e aínda que me agrada tocar, o que realmente me apaixona é formar gaiteiros, e seguirei facéndoo mestres poida».

Alma é a encargada de impartir as clases de gaita aos alumnos dos que se vai nutrindo Buxaina, entidade que na actualidade conta cuns trinta participantes, unha cifra que non está de todo mal: «Chegou a haber 47 membros nos mellores momentos, pero tendo en conta como está o panorama actualmente, é unha cifra bastante aceptable». A mestra rianxeira recoñece que non é doado manter unha formación destas características: «A xente está ilusionada e fai o que pode por ensaiar, pero é complicado compaxinar horarios, xa que algúns traballan e outros están estudando». Recoñece que manter viva a agrupación suponlle a todos un sacrificio: «Os que forman parte de Buxaina saben que as tardes dos sábados hai que dedicarllas á gaita, non queda outra. O ideal sería incrementar os ensaios, pero iso resulta imposible polas condicións persoais de cadaquén».

Un disco e varias viaxes

Son moitos os recordos que gardan nas súas retinas os membros desta agrupación de Taragoña. Un deles, o proceso de gravación dun disco, a través da asociación Paideia: «É un fermoso agasallo que repartimos entre amigos e familiares». Nese baúl mental tamén ocupan un lugar especial as actuacións que a banda realizou máis alá das fronteiras de Galicia: «Durante varios anos acudimos en Madrid a unha concentración de bandas de gaitas, promovida polo Centro Galego, e tamén participamos en varios intercambios en Portugal. Saír é especial».

Pero Alma Caamaño asegura que os gastos non son asumibles: «Ata manter viva a banda ten un custe importante que, en ocasións, temos que asumir nós mesmos. A roupa tradicional é carísima, un gorro, por exemplo, pode roldar os cen euros e non todo o mundo ten esa dispoñibilidade económica».

Despois de 25 anos espallando o folclore tradicional, que xa ten o seu mérito, Buxaina quere seguir animando as festas: «Hai nenos que chegan con ilusión, polo que de momento a canteira está garantida e iso é o importante. Seguiremos aí, dándoo todo e a ver se empezamos unha segunda xeración en Buxaina, cos fillos daqueles primeiros membros da agrupación». Pode que se dean os primeiros pasos o vindeiro día 6, nun xantar que Buxaina ten organizado para celebrar as súas vodas de prata. A idea é reunir a unhas 70 persoas, entre os membros actuais da banda e músicos que forman parte da súa historia: «Levaremos instrumentos e culminaremos a xuntanza cunha sobremesa musical, como ten que ser», advirte Alma Caamaño.