Suso Silva y Sandra Sánchez: «Fixemos un verán de dez»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Logo do terceiro posto na Bandeira da Concha, o binomio aposta por reforzar a canteira para garantir o futuro do club

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Silva (Ribeira, 1987) e Sandra Sánchez (Boiro, 1988) son o eixo que sustenta o Club de Remo Náutico de Ribeira. Logo dunha espectacular tempada coa traíña feminina, alzando o Campionato Galego e finalizando terceira na Bandeira da Concha, o equipo afronta agora o reto de seguir medrando. Cos cinco sentidos postos na canteira, ambos recoñecen que é nas categorías base onde se atopa o futuro.

-¿Como valoran o verán?

-[Suso Silva] Fixemos un verán de dez, pero, logo das dúas primeiras xornadas na Concha, quedamos coa mel nos beizos.

-[Sandra Sánchez] Na Liga Galega completamos un gran papel. Gañamos todas as regatas, pero a preparación ía enfocada cara a Concha. Non esperábamos o que pasou na clasificatoria, celebrámolo como se xa gañáramos. Non tiñamos referencia, nunca pensas que podes estar á altura de xente que adestra todo o ano para iso.

-Na última regata, os equipos vascos deron un plus.

-[S.Silva] Sabíamos que San Juan, no momento que tivera que apertar, estaría por diante. Tal e como chegamos á última proba veste cerca, pero non nos deron opción. Non se pode comparar, cambiaron de remos, estiveron probando con diferentes barcos, incluso había quen tiña médico. Estamos a moita distancia deses conxuntos.

-Incluso tiveron que solicitar un préstamo para competir.

-[S. Sánchez] É unha cita especial. Hipotécaste, pero sempre xorden gastos a maiores. É complicado, máis nun club moi pequeno como é o noso.

-Logo deste curso, ¿onde se atopan os próximos retos?

-[S. Silva] Dependerá das instalacións. Non só miramos pola traíña feminina, senón que o facemos pola capacidade de atraer xente. Estamos sen baños, sen vestiarios... o ximnasio é amplo, pero aínda así todo é complicado.

-[S. Sánchez] Temos que adestrar cun mínimo de condicións. No inverno sófrese, sobre todo en días de sarabia. Non poder darte unha ducha para entrar en calor faise moi duro.

-¿En que punto se atopan as xestións?

-[S. Silva] O Concello púxonos as cousas a favor. Agora estamos pelexando con Portos.

-¿Onde se situaría a sede?

-[S. Silva] En Aguiño, ao lado da lonxa. Queremos darlle vida ao porto, pero hai outras empresas interesadas nesa zona e estamos condicionados. Sabemos que se conseguimos contar cunhas instalacións dignas vamos a ter rapaces. Os que aguantan xa son uns valentes.

-¿En canto estarían presupostadas as instalacións?

-[S. Silva] Rondan os 450.000 euros. Precísase dunha nave ampla. Os barcos e remolques ocupan moito espazo. Ademais, a lexislación obrígache a contar con certas cousas que disparan o presuposto.

-Unha inversión así precisará dun proxecto a longo prazo.

-[S. Silva] É o que buscamos. Se aguantamos todas as inclemencias, con tres mudanzas, con rapaces que van e veñen, creo que deberíamos ir a mellor. Sufrimos un baixón ao vir para Aguiño, pero comezamos a recuperar xente. Na escola de verán vimos un incremento de rapaces. Aínda que custe, a xente anímase.

-¿E cal será a meta coa traíña feminina?

-[S. Sánchez] En principio é seguir o próximo ano. Dependerá moito do resto das remeiras, porque de aquí somos moi poucas. Este ano sete, e houbo que completar con dez de fóra, polo que é moi complicado xuntarse para adestrar todo o ano.

-[S. Silva] Gustaríanos repetir. Falamos con elas e, menos dúas, o resto ten a intención de continuar. De cara aos próximos anos, a idea é que as rapazas da categoría promesa dean o salto. Acudiron a ver todas as regatas, incluso á Concha, están implicadas e creemos que son o futuro.