O conxunto do Agustín Mourís visita Zaragoza para medirse, ás 18.20, ao Colo Colo, equipo recén ascendido
15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Noia Portus Apostoli abrirá esta tarde, ás 18.20 horas, unha nova tempada en Segunda División. Logo do traballo feito durante o verán, e tralos cambios realizados no equipo, o Colo Colo será o primeiro rival do conxunto adestrado por Julio Mougán. Con talante e humildade, o técnico destaca o aumento do nivel na liga, o que obriga ao conxunto barbancés a manterse alerta en cada encontro.
-Hai ganas de comezar a liga?
-Moitas, a estes encontros sempre chegas cun punto de ilusión. En parte porque a pretemporada fíxose un pouco longa. Estamos na sexta semana de traballo, a primeira competitiva, e a verdade é que son moitos adestramentos, algúns con dobre sesión. Independentemente dos amigables, a xente o que quere é ver pasar puntos por diante. Considero que se fixo un moi bo traballo. A experiencia do ano pasado ten que ser clave, hai que pasar de crianza a reserva. Debemos mellorar o que eramos. Ao final será a competición a que dite se aprendiches do erros que tiveches. O tempo dará ou quitará razóns, pero creo que estamos no bo camiño.
-Reforzáronse, veu xente nova a xogar a Noia.
-En primeiro lugar gustaríame aclarar que o Noia ten un equipo que proporciona moitos máis recursos e ferramentas para afrontar encontros. Pero esa mellora produciuse tamén en todos os rivais, e polo tanto crece o nivel no global da competición. É difícil dicilo, pero con este conxunto, o ano pasado seguramente nos teríamos salvado sen problema. Non obstante, agora volvemos a estar na mesma posición de lanzamento que no pasado.
-A experiencia será fundamental para abordar o reto da salvación.
-Temos un ano máis de experiencia, tanto os xogadores que repiten como o corpo técnico. A maiores os que chegan, como Palmas, Puertas ou Brais, contan con moito bagaxe. Teñen quilometraxe. Xogar un ano en Primeira son dous en Segunda. Amais, o ano pasado non tiñamos gol, cremos que é un mal endémico deste club, somos quen de xerar, pero non fixemos que o contrario recollera o balón na rede. Con Antoñito e Dani Colorado estamos no camiño de ser un bloque máis goleador.
-Contan cun equipo amplo.
-Son 15 xogadores dun nivel importante. Iso dános maior profundidade. Tendo en conta que as convocatorias serán de 12 para vestir a camiseta teranse que entregar a fondo. Todas estas diferenzas van marcar que o Noia dea un paso máis.
-Xogan contra o Colo Colo en Zaragoza. Que esperan?
-Van ser un pouco coma nós o ano pasado. Teñen a ilusión de afrontar por primeira vez unha competición nacional. A iso hai que sumarlle que son locais e que, por ámbito xeográfico, contan con moitas opcións para fichar. Aragón sempre tivo bos xogadores e o Colo Colo ten un sistema defensivo moi marcado, moi complicado. Estivemos toda a semana traballando para rompelo. Hai que ter en conta que ningún equipo vai poñer as cousas sinxelas. A filosofía de facer da túa casa un fortín será imprescindible para acadar unha boa dinámica de xogo.