Lito sempre no recordo

Merce BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

13 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

E n xullo falecía un home bo e xeneroso, un amigo e compañeiro entrañable, unha persoa que despedía luz ao seu redor, ese era Lito (Manuel Fraga Rey), e os que tivemos a sorte de gozar da súa amizade durante unha porra de anos, sempre o recordaremos e sempre o botaremos en falla. Coñecín a Lito no IES Numero 1 de Ribeira, uns anos antes de rematar a década dos 80, el como profesor de Xeografía e Historia e eu como docente de Bioloxía, e dende o principio conxeniamos, a pesar de ter formas de ser moi diferentes, todo fogo el, máis temperada eu (ou iso creo), e compartimos momentos de ledicia e amizade, dentro e fóra do ámbito laboral.

Así, lembro con moita nostalxia os marabillosos anos en que el se encargou da dirección do instituto, tras tres intentos fracasados porque as forzas vivas de Ribeira intentaron impedilo, porque temían a súa radicalidade, pero el non desistiu e á cuarta logrouno e levou ao centro ata unhas elevadas cimas de excelencia e modernidade, que lle foron incluso recoñecidas por moitos dos seus opoñentes. Porque Lito era radical, era radical na defensa dos dereitos de Galicia e da súa lingua e cultura, era radical na defensa dos dereitos democráticos de toda a comunidade educativa, especialmente do alumnado, era radical cando defendía aos de abaixo, aos sectores sociais dos que el procedía e dos que sempre estivo orgulloso, era radical cando foi expedientado por ¡dar clases en galego! cando o poder non deixaba, era radical cando estivo na cadea por loitar contra a ditadura franquista. Si, efectivamente Lito era un demócrata radical e iso na Galicia dos 80 e 90 escaldaba. So recordo un mal momento no eido profesional, cando o buque M/N Clipper Adventurer encallou na Illa Decepción, en 2002.

Pero sobre todo, lembro como nos divertimos, o ben que o pasamos rindo e falando de vinte mil cuestións, porque a Lito todo lle interesaba, a súa curiosidade intelectual era infinita e lle atraía tanto a ciencia coma a cultura, saír de marcha como debater incansablemente, ir aos cogomelos ou arranxar ordenadores, falar de cine, escoitar Qualsevol nit pot sortir el sol de Sisa; El ventilador de Gato Pérez ou a emocionante Stairway To Heaven de Led Zeppelin, porque as súas afeccións e intereses eran, así mesmo, infinitos.

Nunca imaxinei que te ías ir tan pronto, que cando nos xuntamos hai pouco ía ser a derradeira quedada, pero sempre estarás no meu corazón e no de moitos amigos e amigas que te quixemos a rabiar, e xa non digamos nos da túa dona, fillos e netos, aos que amabas con loucura. So me consola un chisco saber que fuches feliz, que cumpriches moitos sonos e tiveches unha chea de xente ao teu redor que te adorou e gozou da túa compañía e cariño. Sei que falo en nome de moitos, non te esquecemos, fuches alguén moi importante nas nosas vidas. Ata sempre, amigo. Merce. Ribeira