Cousas de turistas

Carlos F. Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

A pasada semana, camiñando polas estreitas rúas do centro histórico da Pobra -non deixemos de chamarlle histórico por non estar catalogado pola Xunta- vin unha escena urbana -ou suburbana- que me fixo reflexionar sobre o modelo turístico implantado e a relación dos turistas cos que vivimos todo o ano.

Un home saía dunha tenda de teléfonos en traxe de baño, chanclewtas nos pés e o peito ao aire, por certo, con barriga protuberante. Había tempo que non vía algo así, tal vez porque noutros lugares non se dá ese costume. Ao xirar a cabeza observei que outros turistas tomaban cervexas na terraza, sen apenas roupa.

Sentíndome estraño nese lugar, preguntei a un amigo que sabe do asunto, que confirmou as miñas sospeitas: non é correcto facer vida nas rúas do centro como se estiveran na praia. É incorrecto porque faltan ás mínimas regras de cortesía e respecto polos demais. O feito de pasear polo centro como se o fixeran pola praia denota un desprezo pola vida cotiá que se desenvolve na propia vila.

Alguén imaxina pasear en traxe de baño ou bikini, chancletas e peito ao aire polo madrileño paseo do Prado, pola praza Maior de Salamanca ou entrar no Museo do Pobo con esa faciana?. Non é unha apreciación nosa, porque en Barcelona prohibírono, porque roza o desprezo e a falta de respecto polos demais.

Con independencia da liberdade individual sobre o modo de vestir, hai que manter uns estándares de adaptación ao lugar e aos costumes locais.

Ou aprobamos ordenanzas sobre certos comportamentos ou seguimos dando pasos para converternos noutro Magaluf.