Miguel Silva: «Unha lingua non ten por que ser bonita, unha lingua ten que ser útil»

Sergio romero / a. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O rianxeiro aposta pola inversión en produción cultural para o fomento do galego

07 ago 2018 . Actualizado a las 20:31 h.

Hai veces nas que un repentino cambio de dirección che sitúa no camiño correcto. Namorado da música dende pequeno e graduado en Lingua e literatura galegas dende setembro, Miguel Silva decidiu, dun día para outro, utilizar YouTube como ferramenta na que mesturar as súas dúas paixóns: o canto e a produción da cultura galega. Baixo o pseudónimo de Aquel-e, o rianxeiro elaborou vídeos en lingua galega de importante repercusión, os cales mostran o seu ton reivindicativo, como son Havana feat Rosalía de Castro, O galego fermoso (e o que non o é tanto) ou Orghullo de ser.

A súa versión da canción de Camila Cabello, Havana, foi un éxito co que o rianxeiro non agardaba chegar a tanta xente. Substituíndo a letra orixinal polos poemas de Rosalía de Castro Pra a Habana! e Adeus ríos!, Aquel-e creou un tema que o levaría á televisión: «Primeiro chamáronme da radio e fixéronme algunha entrevista. Eu quería dar o salto tamén á tele, pero non esperaba a chamada do Luar, unha institución da cultura galega. É unha mostra de que non teñen medo a renovarse. Foi unha experiencia incrible. Tratáronme moi ben».

 Afastado desa temática, O galego fermoso (e o que non o é tanto) deulle a Silva o premio Eficiencia Comunicativa de Youtubeiros. En soamente tres minutos de vídeo deixa unha mensaxe moi clara: «Transmito algo que me parece inxusto. Empresas que non falan galego en todo o ano e que, de repente, chega o 17 de maio e fártanse a facer anuncios sobre a morriña, o luscofusco, os bicos... Utilizando as palabras máis bonitas do galego. Unha lingua non ten por que ser bonita, unha lingua ten que ser útil».

O seu último gran proxecto, Orghullo de ser, veu da man do Concello de Rianxo. Nel, Miguel Silva lanza unha mensaxe de apoio á comunidade Lgtbiq: «É un tema complicado. Queda moito por avanzar. Hai que ir rompendo a imaxe dos xéneros pechados. De se es home tes que ser así e se es muller tes que ser doutro xeito. Primeiro iso e despois xa faremos unha reflexión máis ampla. Hai nenos e nenas que están pasando verdadeiros calvarios».

Entretemento en galego 

Nos últimos anos, o número de galegofalantes caeu en picado. O consumo de música, literatura e televisión en galego seguen a mesma dirección. Nos inicios da súa canle, Silva topouse cunha carencia moi importante que, para el, é clave: «Fixen uns vídeos sobre a cultura trash galega, que vén sendo a cultura de fácil consumo, como son algúns tipos de literatura ou de televisión. Non a producimos e é máis necesaria do que parece, pois facilita o contacto diario co galego. Quixen recordar personaxes de éxito como Ana Kiro ou Andrés do Barro. É unha base que necesitamos».

Precisamente esta cultura trash, ou pop, ocupaba o día a día da xeración do rianxeiro, que vía en programas como o Xabarín club ou Pratos combinados un estandarte da cultura galega: «A miña xeración contaba cunha programación moi adaptada aos canons televisivos da época. Ver a Shin Chan, aos personaxes de Bóla do dragón ou a Miro Pereira falar en galego creábache un sentimento de identidade co que os rapaces de hoxe en día non contan».

A pesar do nomeado éxito desta programación, Silva non cre que a solución sexa a volta á pantalla destes contidos, senón que é necesaria unha forte inversión en nova produción cultural: «Podemos seguir gozando destes contidos na TVG á carta. Agora, precisamos de programación actual. Hai que buscar novas fórmulas que enganchen á xuventude para non perder o uso da lingua, a nosa particular maneira de ver o mundo e a nosa cultura».

Salto aos escenarios. No futuro, o rianxeiro Miguel Silva fundamentará a súa canle na cultura pop, producindo dun xeito máis profesional diferentes estilos musicais, como o «trap» ou o propio pop. Ademais, ten previsto ofrecer directos na rúa e en salas habilitadas, co monólogo e a música como principais protagonistas.