Pico Sacro, un monte sagrado

isabel santos

BARBANZA

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fonte Santa, Fonsagrada, Augas Santas, Pico Sacro... teñen en común o seu pasado sagrado, pero quizais a súa condición de sacros xa é tan ancestral como as prácticas naturalistas en torno a fontes, regatos, pedras e montes.

O monte Sacro, sito no concello de Boqueixón, pero ligado á tradición xacobea por ser punto de referencia de peregrinos e viaxeiros, ten un nome máis antigo documentado no Códice Calixtino: o Mons Illicinus, que mesmo é o lugar no que se desenvolve a lenda da Raíña Lupa e das peripecias cos restos do Apóstolo Santiago.

Este macizo de cuarzo con covas e simas ten suficientes peculiaridades xeolóxicas e historias gardadas como para exercer de máxico e fascinante. Antes foi chamado Illicinus, ben relacionado coa árbore aciñeira -do latín vulgar ilicinam < ilex-, ben co verbo illiciens «que atrae ou arrastra ao pecado».

Posteriormente acaba sendo o Mons Sacer; unha vez vencida polo sinal da cruz a serpe que o habitaba, cristianizada a raíña pagana, e completada a traslación do Apóstolo. Amén.