Un Nobel para Lorca

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se se me pide que apoie coa miña sinatura a solicitude dun Nobel póstumo para Lorca, asinarei con DNI incluído, máis por amor lorquiano ca por realidade literaria.

Cos Nobel de literatura e cos Día das Letras Galegas teño os meus máis e os meus menos. Non me explico por que non lle dan un día a Carballo Calero, como tampouco sei por que preferiron galardoar co Nobel a Echegaray e nunca a Valle-Inclán (ou seino, pero mellor calalo). Mais, unha cousa ten o Nobel a diferenza do Día das Letras, que mentres este procura recuperar a escritores que por circunstancias de sobra coñecidas non estiveron nin están tan presentes como deberían no panorama literario e lingüista do noso país, aqueles pretenden recoñecer o mérito de autores fundamentais no momento de ser galardoados, ou sexa, a escritores vivos.

Aínda así, con estes e outros premios sempre teño desconfianzas, porque cando non vexo a man do amigo por detrás vexo a furia do inimigo por diante. E aí está o caso de que cada dous por tres apareza premiado alguén máis famoso por cousas alleas á literatura.

Foron moitos os autores que mereceron o galardón sueco, Saint-Exupéry por exemplo, desaparecido prematuramente, Borges, eterno candidato a quen lle faltou o apoio necesario no seu país e do seu mundo idiomático, ou o brasileiro Jorge Amado, a que lle tocou vivir nuns anos nos que Brasil só era famoso pola samba, o sandrónomo e as moças de Ipanema, e non por iso estes escritores son menos importantes na historia da literatura universal.

Pero cando se recoñeza co Nobel a un escritor morto, será abrirlle á porta a todos os finados da historia, e daquela ¿que criterio seguir?, ¿a quen darllo antes, a Cervantes ou a Shakespeare?. Darlle ese premio a un finado será romper co significado e a pretensión do mesmo, esquecendo a razón mesma pola que o señor Nobel os instituíu, para premiar en vida a quen realmente está facendo algo pola humanidade, non a quen o fixo, porque daquela teríamos que empezar por recoñecer a Aristóteles e Arquímedes, a Newton e a Maxwell, a Petrarca e a Victor Hugo, por exemplo. ¿E quen recibiría os cartos do galardón?. Porque Lorca ou Valle-Inclán aínda teñen familia viva, pero Cervantes non deixou nin un fillo ventureiro que seguise a estirpe. E de pedir un Nobel, ¿por que non o Princesa de Asturias que nos queda máis cerca e faría máis xustiza se do que se trata é de remediar o que a nosa memoria histórica reclama?.

E máis alá de que quede ben de cara ó público a petición dun Nobel para Lorca, a quen todos temos na máis alta consideración, sendo máis realistas e querendo facer algo pola literatura que nos é máis próxima, ¿por que non gastamos a enerxía pedindo o recoñecemento de Ferrín, Lobo Antunes ou Muñoz Molina por exemplo, que ademais de quedarnos máis preto están en sintonía co tempo que nos toca vivir?.

A iniciativa ten unha carga de memoria histórica que habemos de reclamar, que non podemos deixar perder, pero que vai máis alá da literatura, aínda que a literatura, e non só a poesía, sexa esa arma cargada de futuro. Confeso o xa dito, que se alguén me pide a miña sinatura para tal iniciativa asinarei sen bolígrafo prestado, aínda pensando que Lorca non o necesita, como non o necesitaron tantos poetas compañeiros seus de xeración e igualmente perdedores da incivil guerra, como tampouco o necesitou Sartre que o rexeitou con toda a razón do mundo.