Un pobo esgazado

Xosé Deira REPRESENTANTE DE LA PLATAFORMA DE RETORNADOS

BARBANZA

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia en 1900 tiña 1.953.624 habitantes, hoxe ten 2.703.662; Madrid contaba con 878.641, hoxe 6.421.874; Cataluña 1.966.382, hoxe 7.565.603. Representabamos un 13 % da poboación, hoxe só un 6 %. En contraposición, somos o pobo con maior emigración, pero non somos un país pobre, senón empobrecido non por causas endóxenas. Un pobo con máis de un millón de emigrados, e se contamos os que xa non volveron e aos seus descendentes, a cifra multiplícase por tres ou catro; América e Europa foron os principais países, pero estamos por todo o mundo. Nos últimos anos a emigración aumentou un 35 %. Contamos con centros galegos por todas partes, centros que promocionan Galicia e axudan ao que chega da nosa terra. Esta xente traballaba e aforraba para poder voltar, hoxe pregúntase se valeu a pena tanto sacrificio para volver a onde seguen estafándoos. Saben que o seu país é deles e contribuíron á súa mellora, por iso non calan, xa non poden emigrar e desta vez han de oílos.

No 2013, Facenda empeza a carga, como en tempos pasados, pero desta vez organízanse para analizar e presentar batalla pola estafa que o Estado emprendeu contra os retornados. Creáronse 25 plataformas en toda Galicia, empezan as manifestacións, presentan mocións nos parlamentos de Galicia, do Estado, Europa e incluso ante a casa real, a resposta sempre foi a lei 35/2006, como se a ditara un ente inamovible. A razón, a presión, o traballo fan que Facenda devolva as multas, os intereses por demora e que conceda un ano para que cada emigrante regularice a súa situación. ¿Por que non devolveron de oficio, xa que cobraron con presión e ameazas? Sabían que era xente maior. ¿Por que a cobraron con retroactividade?, e ilegalmente, sempre lles dixeron en Facenda que non tiñan obriga de declarar. ¿Como é posible que xente estranxeira veña vivir e gozar aquí das súas pensións e non teña obriga de declarar? Os galegos non veñen desfrutar, senón recuperar o tempo que pasaron lonxe das súas familias e da súa terra, á que axudaron a levantar e mellorar co seu traballo e aforro, e agora trátanos peor que a outros cidadáns europeos.

Danlle a razón en tódalas instancias, menos en Facenda e no Estado que, ata o día de hoxe, están xordos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentencia sempre favorablemente a favor dos retornados de Alemaña. ¿É esta a separación de poderes?. ¿Por que os de Alemaña si e os de outros países non? Non foron os emigrantes os que redactaron os convenios bilaterais, unha vergoña.