Un pouco de empatía

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non fai falta poñerse no lugar do outro, nin sequera experimentar a sensación de non poder camiñar durante un curto período tempo, abonda cun pouco, cun mínimo, de empatía para entender que os espazos que se habilitan nas rúas, e que por sorte cada vez abundan máis aínda que sigan a ser escasos, para que as persoas con mobilidade reducida poidan estacionar comodamente e acceder a unha praza ou a unha beirarrúa non só non son un privilexio senón que ademais son necesarios.

Unha queda pampa cando unha publicación sobre a creación dunha (só unha) praza de aparcamento reservada para persoas con discapacidade provoca comentarios como que nese espazo caberían en batería non sei cantos vehículos ou pretendidas bromas que non teñen nin un chisco de graza. Dicíame alguén que sabe moito do que son as barreiras porque o vive en carne propia que aprendeu a non indignarse ante determinados comportamentos, comentarios e dificultades para poder desenvolverse no mundo, que é mellor botarlle humor. Faranlle boa falta doses infinitas de bo humor tal e como está o panorama a estas alturas da película.

Dicíame tamén que falta información, concienciación e educación. E tanto que falta. E eu engadiría que falta tamén empatía, que non é máis que capacidade de identificarse con outros e que polo que se ve escasea. Vese que non abunda cando hai persoas que se ven condenadas a vivir enclaustradas no seu piso porque os veciños do edificio non están polo labor de afrontar o desembolso que supón a instalación dun ascensor ou que depende dos servizos dunha empresa que os suba e os baixe para poder saír da casa. Igual que se ve cada vez que alguén que non o necesita e que pode perfectamente camiñar cinco, dez ou quince minutos ata o seu destino utiliza unha praza de estacionamento reservada para vehículos adaptados porque así pode deixar o coche na porta.

Iso, en canto á educación e a concienciación. Logo está o apartado da información e da eliminación de barreiras arquitectónicas, aspectos nos que as Administracións teñen moito que dicir e, desde logo, amosan tamén bastante pouca empatía. Sobre todo cando existen dúas leis aprobadas para garantir a accesibilidade universal, tanto para persoas con mobilidade reducida como para as que teñan outro tipo de discapacidade e que está claro que non se cumpren. Nin sequera en instalacións públicas. Porque segue a haber edificios que se supón que son de todos aos que alguén que simplemente use muleta por una lesión que reducirá a súa capacidade de manobra temporalmente non pode entrar. E xa non falemos da edición de documentación en braille. Iso son palabras maiores.