Unha romaría con moito sabor galego

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Música, literatura, traxes tradicionais e obradoiros foron algunhas das actividades que realizou o centro educativo de Escarabote con motivo do Días das Letras

18 may 2018 . Actualizado a las 14:00 h.

O mes de maio é por excelencia o mes da cultura galega, e por iso onte o colexio de Escarabote vestiuse de gala para acoller un gran número de actividades que converteron as instalacións educativas nunha verdadeira romaría das letras. O equipo de Normalización Lingüística, en colaboración con todo o claustro de mestres e coa asociación de nais e pais de alumnos, organizou un completo programa que incluíu dúas exposicións: unha dedicada á protagonista deste ano do Días das Letras Galegas, María Victoria Moreno, e outra sobre traxes rexionais.

«Dúas das mamás, Andrea Romero e María Treus, deixáronnos un total de sete traxes e, ademais, impartiron un obradoiro de baile tradicional e outro de fabricación de monteiras, que é o gorro do traxe de home», apuntou a directora do centro boirense, Xoana Maneiro. Ademais, tamén houbo talleres de percusión a cargo dun gaiteiro de Nebra, un grupo da asociación Ambar deu clases de cestería e a propietaria da Soqueira do Petón falou do seu traballo.

Carácter rotatorio

Os alumnos do centro de Escarabote -un total de 165- puideron participar en todas as actividades, «porque eran obradoiros simultáneos e ían rotando», destacou Maneiro, que tamén explicou que, a partir da unha, as portas do centro abríronse para que os pais puideran sumarse á romaría.

«Un grupo de persoas da asociación Ámbar fixeron a performance Arte en movemento, e ademais actuaron as pandereteiras As da Canteira, que son da asociación de pais, e os rapaces do taller de percusión fixeron un espectáculo movendo uns monicreques que lle chaman Monifates», enumerou a directora, que cualificou a celebración dun éxito e xa pensa en ampliar o número de actividades de cara ós festexos do ano próximo.