Este xornal publicou onte que xa temos os operarios municipais limpando as praias ante a chegada da Semana Santa. Lembroume a esas veces que nas nosas casas faise algo especial porque vén alguén de «fóra».
Nada hai de malo, por suposto, en querer agasallar o visitante do mellor xeito posible: que o xantar sexa do seu gusto e a habitación confortable. A nosa cultura vai de ofrecer ao forasteiro o mellor de nós mesmos.
A cuestión é que nunca entendín que se limparan as praias porque veñen turistas. Porque claro, o resto do ano somos os veciños os que paseamos por elas e polos outros contornos naturais dos nosos concellos. Somos nós os que pagamos por un mantemento anual dos nosos equipamentos. Iso é o que son as praias, os parques, os castros.
Ninguén discute que debemos ter todo perfecto cando vén xente de fóra, pero así debera ser tamén o resto dos días do ano. O mar, por desgraza, cuspe lixo plástico con cada marea. Retiralo significa sacalo non só da praia, senón tamén do mar ao que pode volver.
O que a min non me gusta é que as cousas se fagan só para os visitantes. Que os nosos concellos teñan dúas caras. Na miña casa, non se cambiaba o mundo para os convidados. Cando viña alguén de fóra, disfrutaba da nosa normalidade familiar, do cariño cotián dun fogar que acolle a un visitante facéndoo sentir como na súa casa.
Porque ese é o mellor tratamento que lle podemos dar a un turista. Ser nós mesmos, sen agachar o lixo baixo as alfombras (ou dentro dos tractores).