Os foros do Portus Apostoli no medievo

XERARDO AGRAFOXO

BARBANZA

CEDIDA

Alfonso IX outorgou só a Noia e Pontevedra o privilexio de elaborar aceite de sardiña

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao importante privilexio concedido polo rei Fernando II á vila de Noia, por medio da Carta Pobra de 1168, hai que engadir o outorgado anos máis tarde polo seu fillo Afonso IX. No ano 1229 este rei sinalou que só dous portos da arquidiocese compostelá, Noia e Pontevedra, puidesen elaborar saín (aceite de sardiña), aínda que só polos vasalos do Arcebispo. A devandita prerrogativa, reflectida no Tombo A da catedral de Santiago sería ratificada nove anos máis tarde, concretamente o 6 de novembro do ano 1238, polo seu herdeiro Fernando III: «A todos os homes de Galicia que esta carta viran, saúde e graza. Sabede, que por información de homes bos, souben que o meu pai estabelecera que en toda Galicia non se fixese saín de sardiña senón en Pontevedra e Noia».

Nesta época, Noia pertencía ao reino de Castela porque, despois de que o papa Calisto III anulase o matrimonio de Afonso IX coa súa curmá Tareixa de Portugal -do cal tivo dúas fillas, Sancha e Dulce-, o rei leonés casou con Berenguela, raíña de Castela. Desta unión nacería o futuro Fernando III, o cal herdaría o trono de Castela da súa nai en 1217 e o Reino de León en 1230 mediante acordo coas súas irmás.

Sería durante este reinado cando se espallou a idea de que 16 embarcacións de Noia, baixo o mando do almirante Paio Gómez Chariño, señor de Rianxo, participaran na toma de Sevilla no ano 1248 cando o porto andaluz estaba nas mans dos árabes (Magalhaes, 1962 ): «Se Fernando II conseguiu ocupar esta cidade ao fin de dois anos, nao tería sido precisamente graças á esquadra basca e galega que derrotou a frota marroquina, forçou a entrada do Gudalquivir e cortou a ponte de barcas que ligara a cidade ao arrabalde de Triana. Ora esta força naval cristá de 13 navíos á vela... foi armada nos portos de Santander, Laredo, Fuenterrabía, Santoña, Castro Urdiales, San Vicente de la Barquera, Avilés, Bayona, Noya, La Coruña, Pontevedra por Ramón Bonifaz, nobre burgalés ligado aos medios comerciais».

Tamén foi nesta época cando o arcebispo Xoán Arias (1238-1266), tendo en conta a importancia que acadara o Portus Apostoli dende a súa fundación no ano 1168, considerou conveniente outorgarlle uns foros municipais, os cales eran semellantes aos que redactaran os «onbres buenos de la villa de Pontevedra» por mandato do prelado. Non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación concedida por Afonso X a esta cidade no ano 1264.

Usos e costumes

A versión que coñecemos dos Foros de Noia, que recolle usos e costumes de centurias anteriores, está redactada no século XV (Martínez, 2013): «El fuero de Noya sintentiza los derechos que corresponden al arzobispo, señor de la villa, sobre sus habitantes y sus tierras, insistiendo en la vertiente económica de los mismos».

A importancia capital da vila estaba representada por ser un dos portos tradicionais da Terra de Santiago. A cita continuada neste documento foral dos seus produtos do mar, de onde se derivan os aranceis e demais prestacións debidas ao mordomo, conforma un documento capital para coñecer a realidade social e económica de Noia durante a Idade Media.

A importancia capital da vila debíase á súa condición de porto tradicional de Santiago