A brecha

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que unha muller guapa atraia diante da pantalla a máis espectadores para ver o telediario ca un home igualmente agraciado, non nos parece raro. Tan afeitos estamos a valorar a aparencia que se nos esquece a función a cumprir, o traballo real polo que están aí. Sen embargo é tan discriminatorio escoller a unha muller polas súas medidas, como que esa mesma cobre menos salario tendo os mesmos folios para ler co seu compañeiro varón.

A brecha salarial vén sendo unha fenda demasiado profunda. E non só se dá entre homes e mulleres, senón tamén entre mozos e vellos ou entre nativos e inmigrantes, co que se pretende marcar unhas supostas diferenzas que só xustifican unha paulatina rebaixa salarial, como unha poxa á baixa da man de obra. Estes días, debido ao 8 de marzo, o debate céntrase na diferenza entre xéneros, unha diferenza que se mantén a pesares de que moitas mulleres non dubidan en botarlle man e manexar con destreza ferramentas tradicionalmente masculinas. Pero por moi ben que o fagan, números cantan e á vista está que non se paga o mesmo pola man dun varón movendo un alicates ca pola dunha muller, como tampouco se paga o mesmo segundo cal sexa o sexo de quen empuña un micrófono, a pesar dese valor extra que se lle dá á presenza feminina diante dunha cámara, o que ven sendo a outra brecha que non debemos perder de vista, onde a maioría das veces a muller cumpre un requisito de adorno incluso en programas que se din culturais, onde o varón, polo xeral, é o condutor de garabata e ela quen luce escote.

Hai uns meses, cando a BBC foi obrigada por decisión parlamentaria a revelar os salarios dos seus empregados, a periodista Carrie Gracie, comprobou como, compañeiros masculinos que facían o mesmo traballo ca ela cobraban máis, polo que decidiu dimitir. E ós poucos días, os seus colegas mellor pagados, acordaron baixarse o soldo co fin, dicían, de reducir a diferenza salarial, algo que ó meu amigo Xulio lle parece unha actitude un tanto hipócrita e egoísta, porque a meta debe ser que a igualdade sexa por arriba e non por abaixo. Pero ¿por que toman agora esa decisión e non lles acordou antes? Xulio, que ás veces é moi mal pensado, e non ve a eses tipos desprendéndose polas boas do que teñen, cre que non o fan por solidariedade, senón por necesidade de imaxe diante da opinión pública; e de contención de posibles renuncias de compañeiras decididas a seguir o exemplo de Carrie, deixando as pantallas sen caras bonitas que ofrecer.