Ana Blanco: A mente que custodia cada verba de Rosalía

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A experta na vida e obra da autora de «Follas novas» labrouse unha gran traxectoria como activista cultural

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

O escenario é Santiago de Compostela nos anos da posguerra. Os protagonistas son un pai e a súa filla, que camiñan polo paseo da Ferradura ata deterse ao pé da estatua dunha muller. O home comeza a relatarlle a vida que se esconde trala faciana de pedra e a medida que avanza na conversa a pequena vaise abraiando a cada palabra. Aquela foi a primeira vez que Ana María Blanco Gómez (Noia, 1931) soubo da existencia de Rosalía de Castro, poetisa á que comezou a ler inmediatamente.

Pasado o tempo, aquela rapaza converteuse na vicepresidenta da Fundación Rosalía, mais antes diso labrouse unha traxectoria de vertixe como activista cultural e investigadora, impulsando actos para rescatar do esquecemento cada detalle da vida e obra da autora de Cantares gallegos. Na súa memoria atesoura centos de versos e parágrafos da escritora á que é capaz de devolver ao presente coa súa voz cada vez que os recita.

Os piares

Ana Blanco pasou a súa infancia entre Noia e Compostela, mais non foi consciente do próxima que sempre estivo a Rosalía dende entón. No interior do piso familiar santiagués, na actual praza de Vigo, un día súa avoa chamoulle a atención por tirar a auga do lavabo pola ventá. «‘Nena, non tires auga pola casiña onde naceu Rosalía’. Posteriormente entendín que para min o máis importante é a transmisión oral», explica a noiesa do que se convertería nun piar do seu traballo.

O certo é que corrían tempos complicados para ser muller e peores aínda para unha muller que amase a cultura. Iso non evitou que Ana Blanco se convertese nunha das primeiras mestras máis mozas de toda Galicia con só 15 anos. O alzamento fascista invitara a pasear a miles de docentes e, en virtude dunha lei do 1942, podía acceder a Maxisterio sen o bacharelato. Sen embargo, non puido exercer ata conseguir os títulos obrigatorios correspondentes á sección feminina, cando cumpriu os 18 anos.

«Pero si que podía dar clases particulares, así que meu pai mercoume un encerado, un mapa e catro pupitres e comecei a impartir nun baixo que tiñamos na rúa San Bernardo», así comezou a súa etapa como profesora, ensinando aos rapaces que ían facer o servizo militar. Madurou moi cedo e cando cumpriu a maioría de idade non tardou en quitar as oposicións e obter o seu primeiro destino na escola outiense de Cando, onde gañaba un ínfimo salario de preto de 100 pesetas mensuais.

Tres anos máis tarde coñeceu ao seu amor, co que casou e tivo o seu primeiro fillo. Unha orde da ditadura permitía obter unha excedencia especial de casada e pola presión social da época tomouna. A promesa era a de que cando se reincorporase á educación tería ascendido. «Fun ‘señora de’ e esquecinme de que era mestra», relata Blanco, que dúas décadas máis tarde se atopou con que a normativa fora derrogada con efecto retroactivo. Aínda así cando o seu esposo se xubilou, ela impartiu clases durante 15 anos no colexio sonense Santa Irene.

Avilés de Taramancos

En 1968, o matrimonio trasladouse a Lugo, nunha etapa que simbolizou a abertura ao mundo do activismo cultural. Con 40 anos, mergullouse no teatro e na literatura. Non obstante, foi en Noia onde tomou contacto co gran Antón Avilés de Taramancos, co que fundaron a Asociación Cultural Catavento, da que foi a súa presidenta. «As asociacións cubríamos o labor cultural e relacionabamos con outras da bisbarra, creo que dese tipo de inquedanzas despois nacería Barbantia», apuntou Blanco.

O cénit desa implicación coa cultura galega alcanzaríao de novo en Compostela, ao coñecer a Agustín Xisto Seco, médico galeguista e presidente da Fundación Rosalía. A partir dese momento involucrouse de cheo na actividade do colectivo ata chegar á directiva. Da súa man saíron algúns dos actos máis importantes sobre Rosalía, como os Diálogos, nos que reuniron a 33 escritores que recitaban cada 15 días; o disco libro Daquelas que cantan, con poemas inéditos á poetisa de 11 escritoras, ou a exposición A Rosalía ilustrada.

Non é casualidade que as frases máis recitadas por Blanco pertenzan a A xustiza pola man, para aquela que foi quen de devolverlla á memoria da súa dona.

«Señora de»: Ana Blanco participou dando a súa testemuña no documental de Patricia Ferreira.

O consello de ouro: Blanco aposta por que os rapaces coñezan a Rosalía, mais non só pola vida tan repetida ata a saciedade, senón pola súa obra e «a escritura profunda, realista e feminista».

Vestindo a galicia. Ana Blanco en Compostela, na praza da Ferradura. Foi a presentadora do desfile da Exaltación do Traxe Galego, do que aínda forma parte do xurado, ao igual que do premio de investigación Antonio Fraguas.