Ser no espazo

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

CEDIDA

23 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Engaiolante, poética, mentalísima exposición a que atopamos estes días no local do Amanitas, da Pobra. B. A. de Santa Baia de Monroi amósaa, por certo, nun dos establecementos que dende sempre máis veñen poxando pola arte xenuinamente barbanzá.

Ao primeiro golpe de vista decátase un dunha cousa: de que o silencio, que predomina no conxunto das representacións, agocha en realidade a longa conversa interior da vida. A calada conversa entre os seres. Entre os seres e as cousas, os obxectos, as paisaxes. O falar interior. As pálpebras pechadas ou a ollada en fite ao infinito. Mesmo se falamos duns repinaldos enriba dunha mesa e nos decatamos de que, certamente, iso é tamén o bodegón. O ser no espazo. E o poder das imaxes é tal que, ás veces, parados diante dunha, o resto da parede fúndese nunha gran pantalla en negro. Aí a forza concitadora, a da concentración, que me deu o uso dese concepto -o de mental- ao comezo destes parágrafos.

Escollido uso da cor

Xunto cunha interpretación persoal do cubismo (xa temos falado algunha vez do inesgotable dalgunhas linguaxes estéticas), atopamos o delicado, escollido uso da cor. Ambos reforzan esas ideas que apuntabamos. A azul é a cor do pensamento e as ocres as da materialidade, as da terra, as da solidez. O azul afástase, afóndase, afóndanos nese alén que hai detrás das realidades. Iso do que estamos a falar. A conversa silenciosa. O azul que tamén nos cadros evoluciona a espirituais violetas, lilas, anís. Os ocres, pola súa banda, achégansenos, tócannos cromaticamente, vólvense nós e achégannos ese sangue de vigor que é a sensación de ter corpo. E do código xeométrico, que está en todos os temas, xa dixeron os gregos que é o código do universo.

Así que, en certo modo, estamos diante do pensamento pola xeometría, coma en Cézanne. Aquilo da esfera, o cubo e o cilindro, que deviu, case simultaneamente, en cubismos, orfismos, suprematismos, etcétera. Precisamente a Cézanne, xunto coa influencia de certas culturas ancestrais, nos temos referido algunha vez ao comentar a obra de B. A. de Santa Baia. Unha fluencia plástica do ser polo trazo esencial. Unha lección cézanniana da representación da vida. Máscaras, azul, ocre. Plano e volume. Ás veces coma un colaxe da cor. Onde o que semella importar é o propio elemento. Os elementos. Pero onde hai, sen dúbida, unha clarísima submisión ao tema. Unha presenza da idea, da conversa interior, na que nos vemos abocados a participar ou na que nos decatamos de que xa estabamos. Aí o eficacísimo traballo, nesta volta, de B. A. de Santa Baia. A plasmación do ser no espazo, que en realidade, tampouco é definitivamente o tema, porque o verdadeiro, o que hai detrás, non é senón a gran pregunta.