Pobres algoritmos


Están a xurdir un número crecente de voces críticas contra Internet e as redes sociais, e o uso que fan dos nosos datos persoais para adiantarse ás nosas intencións. Acusan que estas redes limitan o noso mundo e o fan demasiado compracente con nós: só ofrecen aquilo que nos interesa ou nos gusta. E á hora de buscar culpables, sempre aparece o pobre algoritmo.

Por fortuna, o algoritmo non precisa que ninguén o defenda. Como se trata tan só dun conxunto de operacións, que nese caso son matemáticas e de computación, eu xa lles adianto que nin ten sentimentos nin sofre cando alguén o insulta, así que se pode mallar nel sen ter problemas de conciencia. O que pasa é que igual nos estamos a confundir. Porque os algoritmos levan connosco miles de anos, e tan só son a aplicación práctica do pensamento humano para resolver problemas a través de métodos.

A receita para facer un bo cocido nestes días de invernía é un algoritmo. O críptico plano para montar un moble de Ikea, tamén. E o conxunto de fórmulas matemáticas que organizan os resultados de Google para que atopemos o que precisamos. Botar a culpa ao algoritmo é como acusar do accidente ao coche no canto do condutor bébedo.

A clave do algoritmo é quen o programa. Porque a matemática, aínda que parece tan abstracta, é tan parte do mundo coma un poema ou un manifesto político.

Tras os valores e as fórmulas, en realidade hai directivos que saben moi ben o que queren. Persoas con nomes e apelidos. É deles e dos seus métodos dos que hai que falar. E moito.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Pobres algoritmos