José Callón: Un piar para o entroido de Ribeira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Colleu o relevo de Manolo O Carreirán, quen recuperou a tradición do Felipe

09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O traballo silencioso que realizan algúns veciños xoga un papel fundamental no mantemento de vellas tradicións que, sen esas persoas que achegan o seu esforzo de forma desinteresada, correrían o risco de desaparecer. No entroido de Ribeira, unha desas pezas clave é José Callón. Camiño de cumprir 82 anos, el é o encargado de darlle forma ao Felipe que se queima para poñerlle o colofón a unha festa que, dun tempo a esta parte, está en auxe en toda a comarca.

Hai xa dúas décadas que, armado con martelo e serra, Callón empezou a deseñar o singular personaxe. Daquela, a súa creación era incinerada en Castiñeiras, o seu pobo. «Cando me xubilei embarcáronme na comisión organizadora das festas da parroquia e, despois, no entroido. Foi entón cando se me ocorreu facer o Felipe para a súa queima», explica despois de sinalar que con anterioridade, os seus empregos como mariñeiro e albanel lle impediran dispoñer de tempo libre para dedicarlle a estas actividades lúdicas.

En Santa Uxía, fora Manuel Vilar Romero, máis coñecido como O Carreirán, o que se encargara de recuperar a antiga tradición de velar e queimar ao Felipe. Trala súa morte, no 2001, buscáronse sucesores no club de xubilados da cidade: «Viñeron a pedirnos axuda e empezamos tres de nós a elaborar a figura, pero os outros dous faleceron e xa só quedo eu», lembra Callón.

O veciño de Castiñeiras explica que a confección da figura require un proceso longo e minucioso: «Hai quen emprega papel, pero eu fago un esqueleto de madeira que despois vou recubrindo con palla para darlle forma de persoa. Logo póñolle diversos complementos, como un sombreiro, unha careta e un traxe mariñeiro». Engade que o boneco mide uns dous metros e que conseguir que estea firme ao longo de todo o percorrido é a súa máxima preocupación: «Vou facéndoo aos poucos, porque o que me interesa é que quede ben, que non corra o risco de caer no desfile. Lévame o seu tempo, pero non teño présa».

O bispo do desfile

José Callón relata que empezou xa hai tempo a elixir a madeira e a secar a palla para o boneco que se queimará o vindeiro mércores. Ese día, se as pernas llo permiten, volverá a sumarse á comitiva fúnebre que percorrerá as rúas de Ribeira enfundado nun traxe de bispo: «Mentres poda camiñar, participarei no desfile, aínda que ese día teña que tomar unha pastilla de máis». Confesa que lle gusta o entroido e mesmo forma parte da murga que ten o club de xubilados, pero bota en falla maior apoio por parte da cidadanía: «Non quixera que se perdera a tradición, porque cando o finado do Carreirán empezou había dúas choronas. Agora hai máis, pero aínda así penso que non son suficientes para un desfile de xeito. Coa mocidade non se pode contar».

El ten claro que seguirá colaborando coa causa mentres o corpo aguante: «Os anos e a saúde xa non mo permiten moito e este ano atopábame mal e estiven a punto de non meterme na aventura de facer o Felipe, pero ao final empezaron a animarme e non fun quen de dicir que non». Non tarda en recoñecer que é un gran amante das festas: «Gústame o entroido e tamén me gusta o baile, e se teño unha parella que saiba, mellor que mellor».

Ver a figura erguida sobre un pedestal e, sobre todo, comprobar a cara de satisfacción que poñen os veciños ao seu paso polas rúas da cidade son para José Callón os mellores premios que podía recibir a cambio do seu esforzo desinteresado: «A xente vese que está contenta o día do desfile e iso é o que a min me empuxa a seguir. Iso e as gañas de darlle continuidade a unha tradición que vén de vello e non debería perderse nunca».