Rezar

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

15 ene 2018 . Actualizado a las 22:38 h.

Hai unha época do ano na que sinto un profundo conflito interior. Trátase do desacougo que teño pensando na climatoloxía que poidan atopar no decurso das viaxes de ida e volta cando nas festas do Nadal me agasallan coa ledicia de traerme os netiños que teño na Pobra, xa que non queda outra que percorrer unha orografía de contrastes que na tempada invernal, con máis ou menos intensidade, sempre se producen nevadas, pero as autoestradas non reciben o mesmo tratamento por parte das súas administracións competentes que, nesta España invertebrada, corresponde a cada autonomía, ¡tratándose de vías nacionais!

Nunha viaxe que fixen en xaneiro de 2006 puiden constatar que no territorio galego as máquinas limpa-neves da Xunta cumpren e, mellor aínda, na comunidade de Castilla-León ata que entras en dominios de Castilla-La Mancha onde o primeiro que se che ocorre, diante do gran manto branco, é rezar para chegar á de Madrid onde as autoestradas están incólumes pero, de novo, hai que entrar nas terras de Don Quijote e volver a rezar ata que chegas á comunidade murciana no linde mesmo con Albacete, na que a A30 está completamente expedita.

Pois ben, con esta anécdota que lles conto e tamén doutras no eido da sanidade e da educación que xa teño vertido nesta ventá, amósase o gran fracaso do Estado das Autonomías. Emporiso coido que, efectivamente, hai que modificar a Constitución, pero non para seguir centrifugando, senón para reconcentrar a meirande parte das competencias cedidas ás comunidades que, como se puxo de manifesto con Cataluña, non son unha solución, senón un problema.