A dobre moral da Igrexa

juan ordóñez buela

BARBANZA

09 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Igrexa católica amósase radicalmente contrario ao divorcio. Mantén unha actitude belixerante e pouco cristiá. Nada xenerosa, nada evanxélica, nada caritativa coas persoas que se atopan en situación de divorcio. Exclúeas da comunidade de crentes, négalles o sacramento e chega a romperlles o contrato laboral se son docentes de Relixión; mesmo se traballan nunha escola pública; é dicir, pagada polo Estado. Pero esta actitude intransixente da Igrexa en relación cos católicos de base modifícase radicalmente cando o suxeito do divorcio é alguén importante para os seus intereses, nada espirituais, por certo. Así, unha divorciada famosa e con diñeiro casa ostentosamente, coma se nada. Namentres a aquela desgraciada se lle negan os sacramentos, a estoutras ofícianlle a cerimonia nupcial bispos e cardeais nunha exhibición pública da maior hipocrisía e da máis escandalosa maridaxe co poder.

 

As incongruencias non acaban aquí. A Igrexa obriga a aprender e a falarlles ao misioneiros a lingua do pobo evanxelizado e, ao mesmo tempo, rexeita linguas propias nalgúns templos españois. Resulta decepcionante a actitude desta Igrexa empeñada en falar de Deus nun idioma estraño para os fregueses e patolóxico o seu complexo de inferioridade que aínda arrastra no sometemento ao poder. Agora que o papa Francisco está preocupado por cristianizar de novo Europa, quizais haberá que empezar por cristianizar de novo a Igrexa.

O inferno existe na casa daqueles que teñen un fillo cunha enfermidade incurable e nas dos avós que deixaron de ser quen eran por culpa do alzhéimer. Existe o inferno na pel das mulleres que son malladas e calan por medo, e na das que foron violadas. O inferno existe nas mans dos parados que teñen que delinquir para comer, e nas bágoas dos que perderon un fillo nun accidente ou polas drogas. O inferno existe a bordo dunha patera cargada de ollos e bocas á espera dunha milagre. E o inferno chámase a si mesmo sida, malos tratos, adicción, explotación, guerra e mil nomes máis.