Discriminar é pecado

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

o gallo do derradeiro debate da investidura de Rajoy moitos lembrarán aquel exhorto de Aitor Esteban, do PNV: «Si me quieres Mariano, dame menos leña y más grano». Ao que o galego dixit: «Si quieres grano Aitor, te dejaré mi tractor». Pero, agora, con ese agasallo de 1.300 millóns, de arar nada, que aren outros. ¿Onde e como se recolle ese trato repulsivo e discriminatorio entre os territorios de España? Pois, case agochadiño, na nosa lei de leis: «A Constitución ampara e respecta os dereitos históricos dos territorios forais». Trátase do cupo vasco e convenio navarro.

Reconforta que alguén metese o dedo nesa aberrante ferida, consentida tamén polo ¿deostado? ditador, que nin o PP nin o PSOE foron quen de corrixir. Emporiso, a iniciativa de Albert Rivera, que está amosando ser un gran estadista, representa un dos mellores valores éticos e políticos que conflúen no Congreso coa súa máxima de que o importante non son os territorios, senón os cidadáns, libres e iguais.

Pero hai moitas outras discriminacións territoriais que sofren a mesma inxustiza como é o reparto das achegas do Estado entre os 11 concellos de Barbanza-Muros-Noia. Os tres de menos de 5.000 veciños reciben a asignación base, os sete que van ata os 20.000, un 17 % máis, e o único con máis de 20.000 ten un plus do 30 %, un tema que tamén cómpre debater. O Papa Xoán Paulo II en Reconciliatio et paenitentia, inspirada no gran Gandhi, proclamou como pecado social a riqueza inxustamente distribuída. O dirixente laranxa nunca será elevado aos altares, pero pode chegar a ser un bo presidente dun goberno de España.