Manuel Mariño: «O recompilatorio dá unha idea da magnitude deste proxecto»

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Di que o suplemento permite sacar á luz traballos que estarían condenados a escuridade

31 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os primeiros membros que tivo a gran familia de Barbantia atópase Manuel Mariño de Río. Sempre disposto a desenterrar o pasado, no ano 2011 aceptou gustoso a responsabilidade de coordinar a sección de A Voz de Barbantia dedicada á historia. Hoxe aplaude, ao igual que os seus compañeiros, a saída á luz do quinto recompilatorio, o que reúne os número comprendidos entre o 101 e o 125.

-¿Quen está detrás desta sección que cada mes saca á luz feitos importantes do pasado?

-Somos media ducia de colaboradores que nos imos rotando. A min tocoume hai uns anos asumir a coordinación e estou encantado.

-¿Como valora os contidos desta sección?

-Para min, unha persoa á que lle gusta moito a historia, é unha sección interesantísima. Penso que o importante é que cada colaborador vai elixindo os feitos importantes do seu concello, co que conseguimos ofrecer episodios de toda a comarca. É unha mágoa que non se aproveite o traballo realizado para elaborar un traballo conxunto, tomando como eixo un tema concreto.

-No seu caso, ¿cal é a contribución?

-Eu vou achegando capítulos da historia de Porto do Son, en moitos casos vinculados ao mar, pero tamén recorro a outros temas, coma os nomes das prazas ou os topónimos da vila.

-¿Queda aínda moita historia por descubrir?

-Si, claro. Os colaboradores desta sección constituímos un grupo moi diverso e todos temos moito que dicir. Eu tería material para publicar un artigo diario ao longo dun ano e seguro que os compañeiros tamén.

-¿Que significa ese quinto recompilatorio que está na rúa?

-O quinto recompilatorio dá unha idea da magnitude deste proxecto. Non é un traballo puntual, xa son máis de cen en cada sección. Para nós o suplemento é fundamental para sacar á luz traballos que nunca poderiamos publicar. La Voz ofrécenos unha canle fundamental.

-¿É esa a gran recompensa do traballo e do tempo investidos?

-Si, a recompensa é sempre de tipo persoal, comprobar que o sacrificio vale para algo. A recompensa é que a xente che pare pola rúa para felicitarche por sacar á luz un feito ou un dato relevante.

-¿Cales son os retos de futuro para este suplemento?

-Penso que o obxectivo debe ser a continuidade. Enriba da mesa xa está o reto de aumentar o número de páxinas. Penso que sería interesante abrirlle unha porta a esa multitude de xente que ten na casa poemas e nunca os chegou a publicar.

-¿Augúralle un futuro longo a esta publicación?

-Se seguimos traballando coma ata o de agora, penso que non haberá problema. Todo depende de La Voz de Galicia, pois fai un gran esforzo incluíndo este suplemento nas súas páxinas cada mes.