Dieste, no meu corazón

Xosé Plácido Betanzos BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

Benquerido Dieste, compañeiro de combates e amigo, digo compañeiro de combates pois algún tivemos, e amigo, xa que a amizade soubémola manter ao longo do tempo. Antonte, cando me comunicaron a noticia do teu pasamento, unhas bágoas de dor mesturadas con emocións dos tempos vividos no Concello saíron dos meus ollos e percorreron a miña faciana. Xa teño falado contigo e con amigos comúns de que algunha vez estiven un pouco duro de máis cando compartiamos corporación, pois ti eras moi mozo e eu non fun quen de ver iso. Sabes que endexamais me sentín garboso diso. Cando falamos do tema, a túa resposta sempre foi a mesma: «Ti cumprías coa túa obriga e eu coa miña», así que todo está ben feito.

Aínda nos tempos mais complicados politicamente, sempre nos distinguimos co noso agarimo e respecto. Lembro os cafés que tomamos, aínda que, na argumentación política da conversa non nos poñiamos de acordo, sempre rematabamos falando do que nos unía, fuxindo do que nos separaba. Logo veu un tempo que nos viamos pouco por mor do teu traballo fóra, e aínda así cadramos algunha vez por Ribeira gozando moito da túa conversa. Sabía por amigos comúns que seguías traballando fóra ata que souben de ti polo agarimoso artigo do noso común amigo e xornalista Moncho Ares.

A vida volvíanos a xuntar, esta vez no CHUS, pelexando os dous pola saúde. Atopei un día a outro común e prezado amigo do Concello, Suso Pérez, e doume o teu teléfono. Chameite, falamos, e a túa despedida foi «temos que volver ao Concello». O meu pensamento foi «que politiqueiro, non esquece a política nin no hospital» e dinme conta de que os dous sentíamos que aqueles tempos foron moi bos e que ti tamén gardabas deles afectuosas lembranzas. Seguimos falando tódalas semanas ata aquel día máxico que nos atopamos nun corredor do CHUS ateigado de xente. Ti non sabías que eu andaba por alí, nin eu sabía que marchabas para a casa, e de súpeto, un home cunha gorra e unha máscara deume unha cálida aperta: «Plácido son o cachorro do PP». A miña resposta foi: «Que alegría verche, eu tamén che quero». Naquel intre non souben que era a nosa derradeira aperta, agora seino, e gárdoa no meu corazón. Vinche tan animado que me dixestes «teño que empezar a traballar» e a miña resposta foi «celebrarámolo nunha cea con Moncho». Ti, apartando un pouco a máscara e cun sorriso dixéchesme: «Está feito». Amigo, grazas por agasallarme coa túa amizade. Quédome con iso, a túa amizade.