Non todo vai ser cemento

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

Cada vez que se aproxima o 31 de decembro e, en circunstancias normais, as Administracións autonómica e estatal dan a coñecer o contido dos seus proxectos económicos para o seguinte ano, os gobernos locais -e todo o mundo en xeral- poñen a lupa no apartado de investimentos coa esperanza de ver reflectidos nas contas os seus proxectos estrela. E case sempre, esas actuacións estelares que precisan miles e miles de euros para poder materializarse teñen que ver con actuacións en infraestruturas con moita presenza de cemento. O mesmo ocorre cando se anuncian obras a bombo e platillo. Esas actuacións que acaparan titulares e minutos de televisión adoitan responder a proxectos urbanísticos -aínda que tendan á humanización das vilas- ou, como pouco, relacionados co saneamento. Pero o que non pasa case nunca é que o político de turno compareza para dar conta de novas iniciativas que conten cunha boa inxección de fondos públicos relacionadas coas persoas e a mellora da súa calidade de vida.

Quizais é que venden menos e por iso se tende a darlle prioridade á obra pura e dura, á que precisa de miles de euros de investimento en ladrillo, cemento e tubaxes. Pero son esas medidas encamiñadas a dar cobertura á cidadanía as máis agradecidas pola veciñanza. Se deixar de ser unha actuación fundamental mil veces comprometida, ademais dunha débeda que a Xunta de Galicia arrastra desde hai anos co municipio, neste momento, os 14 millóns que veñen de anunciarse para o saneamento de Rianxo non dan resposta ás inquedanzas das persoas que viven no municipio. O que lles importa agora aos veciños é que non teñen un centro de día, e, o que é peor, que non hai intención de promover un recinto desde tipo no concello nos vindeiros anos. A pesar de que hai maiores dispostos a manter o seu encerro indefinidamente para lograr o seu obxectivo, e hai 34 persoas como mínimo agardando pola instalación, máis das que caben no recinto de Outes e case suficientes para encher o de Boiro.

Os rianxeiros non teñen por que renunciar a nada, non teñen por que escoller entre saneamento e centro de día. Ambas son actuacións necesarias e a Administración está para darlles resposta. E o elevadísimo investimento nos sumidoiros e na depuradora non debería ser coartada para seguir retrasando a materialización dun equipamento asistencial que se reclama no municipio dende hai anos. Porque a reivindicación non é nova.

Así como se fai un esforzo moi importante en obras de cemento, sexa en saneamento sexa no asfaltado das estradas, tamén merecen igual impulso edificios cuxo valor está máis no contido que no continente.