Bosques desanimados

BARBANZA

31 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aeroportos internacionais instalan cabinas construídas con madeiras de corta controlada (FSC) nos bosques franceses e finlandeses cando en Gran Bretaña están levantando rañaceos de madeira, prototipos do uso racional de madeiras de corta controlada de bosques autóctonos, en pezas de grande calidade. Casas bioclimáticas seguen sendo construídas a diario -dende hai moitos anos- con madeiras autóctonas en lugares como Cantabria, Navarra ou Suíza, cuxos moradores viven encantados polo aforro enerxético que lles supón, para sempre. Bosques navarros como Irati fican encantados de recibir a visita dos que pasean entre árbores autóctonas, que pagan unha pequena taxa coa que se mantén limpo e con vixiantes. Sen incendios forestais, creando postos de traballo distintos dos de camareiro.

Cando no 1963 chega a celulosa a Pontevedra (Plan Nacional de Repoboación de 1940) cambiamos o modelo dos nosos montes, favorecendo a plantación do eucalipto, e xa somos xa líderes no mundo, xunto con Portugal, que os acaba de prohibir. Os bosques galegos están desanimados, porque lonxe de escoitar persoas escoitan máquinas depredadoras que se levan consigo todo o que encontran (sexa dolmen, mámoa ou petróglifo), as cales cortarán as súas árbores para plantar eucaliptos, explotacións intensivas, sen pensar nos centos de anos que aquelas levan alí, cumprindo unha función ecolóxica e favorecedora da saúde do planeta. Segundo os meus cálculos, poderíanse crear máis de 40.000 empregos nos montes, con intelixencia, eficiencia e elegancia. Os eucaliptos son a apocalipse dos nosos montes.