O exército

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

Tento interpretar as manifestacións do alcalde de Noia neste xornal sobre un plan da Xunta para centralizar na Academia Galega de Seguridade Pública os procesos de selección dos policías municipais, e non porque me pareza desatinado, porque isto sería máis positivo que o descarado nepotismo que se practica nun tema tan serio por parte dos concellos, senón pola deriva política que pode supoñer, xa que nos pode levar ao que estes días estamos observando en Cataluña, tanto coa garda urbana, que chaman alí, como cos Mossos d’Esquadra.

Porque por moito que Rajoy queira temperar gaitas, foi o Goberno catalán o que monopolizou a patética situación motivada por un ataque máis dos soldados do exército yihadista, xa que non debemos esquecer que non estamos diante do clásico terrorismo, senón diante dunha guerra global no seu sentido máis amplo para a que non estamos preparados, porque a nosa clase política foi e segue sendo miope e torpe. Velaquí un dato obxectivo, as 38 deputacións provinciais acumulan case 61.000 empregados, mentres que o exército español anda arredor duns 120.000 efectivos.

Pero despois desta posta en escena do separatismo catalán debería preocupar moito máis o que pode acontecer o vindeiro primeiro de outubro, data na que se conmemoraba a exaltación do xeneral Franco na xefatura do Estado (¿curioso, non si?), que nunca se houbera producido de non haberse permitido forzas de seguridade propias das comunidades autónomas ao abeiro do artigo 149.1. punto 29 da CE. Descoñecemos se o Congreso será quen de asumir a súa responsabilidade para desartellar este desaguisado, que precisará do exército.