«Unha nación coma esta non pode fracasar literariamente»

La Voz

BARBANZA

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Axeitos tamén fala de futuros traballos e garda un oco para analizar a situación cultural de Galicia e da Real Academia Galega, da que é membro.

-Editou a obra completa do poeta: prosa, poesía, mailo epistolario, pero ¿cal será o vindeiro traballo que publicará?

-Levo más de cen páxinas de Marguinalia. Todos os documentos menores e anotacións aparentemente intranscendentes nas que eu me baseei serán publicadas para complementar a biografía documentada. O nome fai alusión a eses datos que se escribían nas marxes das páxinas.

-¿Cando verá a luz Marguinalia?

-Penso que estará rematada a mediados do ano que vén.

-¿Como ve o panorama cultural no territorio galego?

-Sempre procuro ser optimista. Indiscutiblemente, Galicia acadou o nacionalismo literario antes que o político. Unha nación coma esta non pode fracasar literariamente. Agora ben, fáltalle unha infraestrutura política que, paralelamente, consolide esa escrita.

-¿Como considera que se foi adaptando a Real Academia Galega aos novos tempos?

-A academia segue sendo unha fábrica de tópicos e de superficialidades. A tradición antinacionalista do piñeirismo ocupou a academia despois dese golpe de Estado. Actualmente é unha asociación cultural, ben tratada pola Administración.

-¿Volveremos contar cun Manuel Antonio no século XXI?

-Hai figuras irrepetibles, do mesmo xeito que no século XIX só houbo unha Rosalía. Non obstante, non me cabe dúbida de que vai haber figuras senlleiras en distintos ámbitos que van provocar o mesmo efecto que Manuel Antonio. Fágome esta pregunta: ¿que lugar vai ocupar Ferrín na literatura galega? Como é un home polémico e crítico, de momento non se está avaliando iso, pero eu penso que é un auténtico xigante. Por outra banda, dende a década dos oitenta están emerxendo figuras moi importantes no campo da poesía, aínda que non me gusta citar nomes pois eu non son profeta. Xa se sabe que o que canoniza é o tempo, mais non me cabe dúbida de que o porvir literario de Galicia é brillante.