Non, non é a temperatura que van a acadar as praias da nosa costa este verán (aínda que todo pode ser posible), senón unha tecnoloxía que, pese a ser antiga no seu nacemento, está agora a cambiar a forma na que visitamos e percorremos un espazo. Trátase de filmar vídeos en 360 graos -como mínimo, para que se vexa algo, precisas que a gravación estea feita en altísima definición 4K-, que despois o usuario pode desfrutar cunhas gafas especiais que hoxe xa se poden conseguir por seis euros e cun teléfono móbil intelixente.
Estas tecnoloxías (a realidade virtual e o vídeo en 360 graos) van ser unha auténtica revolución no turismo, e dígollo desde a experiencia dun profesional que xa viu moitos bums anteriores. No momento de escribir este artigo, os concellos da nosa zona aínda non saben que van gastar -e tirar, nalgúns casos- miles de euros en proxectos de audiovisuais con panorámicas de 360 graos para a vindeira campaña turística. Haberá numerosas empresas que ofrezan eses servizos, como agora as hai de drons, e moitos alcaldes que quererán sumarse a este carro a base de cartos públicos.
Prepárense, pois, para ver numerosas roldas de prensa con fotos de políticos con aparatosas gafas e falando da súa «pioneira» iniciativa. Eu, que xa estou traballando con estas tecnoloxías na universidade, xa lles anticipo que, coma sempre, vaise confundir o como, a espectacularidade tecnolóxica, co que. Ou sexa, que é o que queremos contar e vender das nosas comarcas por medio destes avances tecnolóxicos. Iso si, con ducias de miles de euros públicos gastados polo medio.