«A redución da débeda foi esencial para poder financiar proxectos propios e aportar noutros»

La Voz

BARBANZA

DANI GESTOSO

21 jun 2017 . Actualizado a las 21:28 h.

O alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, sempre tivo claro que calquera cambio na vila pasaría polo eido económico. Por iso destaca que «a redución da débeda foi esencial para financiar proxectos propios e aportar noutros». Se no anterior mandato apenas podían impulsar actuacións, agora achegan ata o 30 % de múltiples obras.

-¿Cales foron os grandes logros conseguidos nestes dous anos?

-A redución da débeda, que non foi tanto para cadrar contas senón para poder acometer proxectos como as melloras en oito escolas unitarias, a reparación da cuberta do centro de saúde de Taragoña ou os baños creados no colexio Castelao. Tamén se afondou na captación de fondos que permitirán facer realidade a casa museo de Rafael Dieste -para converternos en vila literaria e turística-, a urbanización da rúa Irmáns Insua ou a creación dunha escola taller para 20 alumnos que financiamos nun 80 %.

-¿Como definiría o clima e a convivencia cos outros grupos?

-Hai unha dinámica de participación na que se busca chegar a acordos ou ideas e que nunca buscan bloquear ao goberno. Pola nosa parte existe a vontade de que ningunha caia en saco roto, por iso favorecemos o envío de documentación vía telemática, que non haxa límite de mocións e un pleno por mes, que contrasta moito con outros concellos.

-¿Cales serán as seguintes liñas principais ou pendentes a seguir?

-A primeira é conseguir o PXOM. Uns meses antes das eleccións aprobámolo inicialmente, neste momento están redactados os informes doutras Administracións e ao longo deste ano e comezos do que vén poderá estar nas nosas mans para ser aprobado. Ademais, seguiremos impulsando o polígono empresarial como ata agora.