Sardiñas

BARBANZA

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaise celebrar a que segue a ser a noite máis vital e máxica do ano. Canda a cacharela, non podemos negar que todos temos asociadas lembranzas gastronómicas, e non precisamente magdalenas de Proust. Ese pan de broa enchoupado na graxa dunha gorentosa sardiña, que pinga sobre unha camiseta vella que ao día seguinte cheirará a unha inesquecible mestura de fume e graxa de peixe. Pero eu penso nas sardiñas.

As nosas costas foron un auténtico paraíso das sardiñas. Dalgún xeito, o progreso económico da costa galega débese a elas. E como auténtico recurso económico de primeira orde -esa sardiña que ía tanto a familias humildes, pero que é o máis delicioso dos xantares- sempre deu lugar a conflitos nada fáciles de xestionar.

Estes días releo a Memoria da pesca da sardiña do gran José Cornide e aí está todo, un debate do século XVIII que podería seguir sendo discutido no Parlamento actual. Os mariñeiros galegos daquela alertaban de que a sobreexplotación do recurso marítimo -movido polos industriais, maioritariamente, cataláns- ía provocar o colapso do sistema. Sabían moi ben o que dicían.

Reparen neste curioso paradoxo: hoxe, as sardiñas á brasa que degustamos proveñen moitas veces de mares non galegos, e o millo que fai o noso enxebrísimo pan de broa tampouco chega dos nosos campos. E é posible que mesmo a madeira que alimenta os nosos lumes veña mesmo dos bosques escandinavos, vendida por unha multinacional do moble. Todo o material que nos define procede doutros países e esta é unha tendencia que continua aumentando.

Só o lume segue a ser noso.