Análise política

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

Se eu fose militante do PSOE non votaría por Sánchez, pero algo máis da metade están de acordo co seu predicamento polo que, como di o refrán, «xogar e perder, pagar e calar», así que o «no es no» vai entrar en acción con toda a lexitimidade democrática dun partido que puxo nas mans da súa militancia o seu destino e iso é moi positivo, un exemplo que debería ser norma nas demais organizacións políticas, piramidais no mellor dos casos e, polo xeral, verticais e autoritarias. Emporiso aínda temos unha democracia feble.

Coincido con algúns analistas de que, a nivel nacional, isto favorece a Rajoy e a Rivera, pero para Podemos é auga de maio. Agora ben, ¿como podería resultar a nivel do ámbito desta edición de La Voz? Eu véxoo así. O socialismo xa foi caendo en picado nestas bisbarras na medida en que favoreceu ás Mareas que tamén lle zouparon ao BNG, se ben os nacionalistas recuperarán. Máis complexo é albiscar o que pode pasar co PP.

Se temos en conta que a esquerda xa tocou teito, os populares poderían seguir sendo hexemónicos, pero a configuración da xeopolítica nacional deixa moi tocado a Feijoo, xa que o que prima agora é a gran aposta dos de Rivera polo corredor mediterráneo, e iso vaise notar en Galicia. Aquela estratexia do PP galego pedindo prestados os votos de C’s para reforzar a entente popular Madrid-Santiago foi un gran engano e, xa se sabe, cada partido sementa onde recolle, pero nesta terra sempre nos colle co pé do revés. Xa o dixen aquí, houbera sido unha gran sorte que Javier Chouza acadase praza no Congreso. Agora tócalle a Torres equilibrar a balanza.