Calquera, por pouco que lle interese e por moito que pretenda ignoralo, saberá con case total seguridade quen gañou Eurovisión este ano, igual que é practicamente imposible non estar ao tanto de que equipo se fixo co título da Liga de Primeira División (masculina, claro; foi o Real Madrid, por se a alguén se lle escapou) ou o devir dos participantes no programa de telerrealidade sobre famoseo que toque na grella televisiva. O caso é que, a estas alturas, haberá poucos que non coñezan a Salvador Sobral e Amar pelos dois, a canción coa que conseguiu que Portugal se alzara co triunfo no festival musical por excelencia hai unhas semanas.
Parece que hai unha eternidade que a voz do representante do país veciño se impuxo en Eurovisión, e pode que a fama de Sobral sexa tan efémera a este lado do Miño como a de calquera outro gañador do certame europeo, pero gustaríame pensar que unha das mensaxes que esa vitoria trasladou aos demais países non se esquece tan rapidamente: que non é necesario falar -ou cantar- en inglés e renunciar ao idioma propio para chegar lonxe nun concurso internacional, nin nunha carreira profesional.
Salvador, e Portugal enteiro, foron exemplo diso, demostraron que poden estar no mundo e mesmo atraer a mirada de toda Europa en portugués. Independentemente de que a un lle guste máis ou menos a canción, ou de se o seu triunfo foi máis obra do márketing que doutra cousa, o certo é que Amar pelos dois conseguiu espallar a lingua do país veciño por todo o continente e o vídeo oficial da participación de Sobral no festival, un dos moitos que circulan pola Rede sobre el, leva máis de 11,7 millóns de reproducións.
Isto, o de que cun idioma propio e singular se pode chegar a calquera recuncho, tamén é aplicable, con máis razón, dentro das fronteiras do Estado. Por moita xente que haxa empeñada en afirmar o contrario.
En plena celebración do Día das Letras Galegas vin nalgún muro dunha rede social un extenso discurso sobre a, e cito textualmente, «dictadura del gallego». Así, con todas as letras. Facíase tamén unha acendida e indignada crítica ao empeño/porfía/imposición de que a fala autóctona se empregue nas escolas máis aló das materias de lingua e literatura galegas, que xa só faltaría. E concluíase que o único que se consegue con iso é que Galicia siga illada do resto do mundo.
Igualiño, seguindo ese argumento, que o está Portugal.
Quizais a histórica falta de investimentos, un sistema educativo desacertado e os complexos propios, e non o idioma, teñan algo que ver nese illamento e en que sexa máis difícil comunicarse coa Meseta que co outro lado do Atlántico.