Primeiro de Maio

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

06 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen ánimo de ofender a crentes nin a descridos, este luns desfilei durante a procesión do Primeiro de Maio preto do estandarte da cabeceira, coreando os cánticos de fe na clase traballadora, invocando ás divindades lexislativas en pro dunha boa saúde laboral, e de rabia contra as propostas dos malfeitores que argallan as desgrazas dos asalariados, e volvín á casa coa sensación de ter perdido o tempo, que de tan altos que están os bos deuses non nos oen, e iso que se invocan a golpe de megáfono.

Unha das cousas boas que teñen estas manifestacións é que, ó menos, no tempo que dura o desfile sóbeseche o ánimo, sentes a forza do grupo, da masa que nunca é multitude, ese arroupamento cordial por unha vez no ano, pero xa se sabe que xente con fe en algo cada vez queda menos. Durante o traxecto falas con algún beneficiado do todopoderoso empresario, que está mellor ca ti, e iso anímache a ter a esperanza de que algún día os bens deste mundo se repartan con igualdade, pero tamén hai quen está peor, e iso anímache a dicir que a túa empresa aperta pero non afoga, que no que a ti compete nada está tan mal como parece. Hai quen che fala do milagre que o santuario, perdón o sindicato de tal, fixo para curar a endémica desmellora salarial que algún devoto padecía, e comprobas que ás veces hai milagres que só a fe, a insistencia e o regateo producen, tras moitos rogos, rezos, sacrificios e submisión. Nisto non nos distinguimos moitos dos crentes relixiosos. Tal vez por isto están permitidas estas manis, porque o manifestante sae delas con certa dose de esperanza, e isto é o mellor para irlle gañando tempo ós parias pedichóns.

Rematado o acto, atopeime cun veciño que, xustificando a súa discrepancia con tales reivindicacións falounos das marabillas do seu xefe, a quen pouco faltou para que lle chamase o seu santo protector, un verdadeiro taumaturgo do emprego, capaz de ver vir os problemas e aconsellar para ben dos fieis que a el imploran, un home que saído da nada montou a empresa cunha ducia de asalariados e pelexa a cotío por mantela en pé, a pesar do dura que é a competencia.

Un santo varón que, cando a crise esta da que non damos saído, máis apertaba, vendo que as ventas diminuían en proporción xeométrica ó aumento dos custos, e que as ganancias malamente pagaban os salarios, esaxerados grazas á súa bondade, argallou un método de regulación de emprego que non ofendese a ninguén: puxo a todos os empregados a xogar á cadeira baleira, e a aquel que perdía, que quedaba sen asento, estendíalle os papeis do paro. A cousa non podía ofender a ninguén, porque el non despedía, era o currante que non acadaba o obxectivo imposto. Pero como con menos empregados tamén era menor a produción e iso non conseguía mellorar a viabilidade da empresa deste mago do empresariado, volveu ó seu xogo, e propuxo unhas novas regras para fomentar o compañeirismo sen ter que despedir a ninguén, asegurándolle a continuidade na empresa a aqueles dous que coubesen nunha soa cadeira. O resultado, segundo me conta o beatífico paria, é que o seu patrón, santo onde os haxa, xa está reempregando a aqueles primeiros que houbo de despedir ó principio da crise sempre e cando caiban nunha soa cadeira.

Volvín á casa coa seguridade de que a fe move montañas, e non se conforma quen non quere.