A boirense Isabel Rebollido integra un equipo que descubriu un corpo celeste esencial para entender a formación planetaria
03 feb 2020 . Actualizado a las 10:49 h.Cando Isabel Rebollido Vázquez (Boiro, 1989) bota a vista atrás, non é quen de lembrar o momento no que decidiu que lle entregaría a súa vida ao ceo. Podería dicirse que ese teito sen límites lle fixo de gardián dende que ten razón de ser. Quizais exista algunha pista no recordo máis antigo que garda sobre el, que remata por devolvela a aquela noite na que viu pasar o seu primeiro cometa a través da ventá do faiado, ao carón do seu tío.
Na actualidade, a listaxe de cometas aos que a boirense lle seguiu a pista é innumerable, xa que seguir estes corpos celestes acabou por converterse no seu oficio. Hoxe, aquela rapaza do faiado pode estar orgullosa de participar no grupo de investigación Ontherocks da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), que vén de atopar a segunda estrela con maior nivel de materiais exocometarios, Fi Leo.
Este descubrimento supón a apertura dunha nova vía de estudos encamiñados á teoría da formación planetaria en discos, que durante corenta anos só tiña como gran referente á estrela Beta Pictoris. Esta liña de investigación, esencial na súa tese de doutoramento que elabora nestes intres, trata de buscar se existe unha relación entre os materiais que deixan os cometas ao desintegrarse cando entran na órbita dun planeta, e a orixe destes.
Os comezos
Dende que estaba na primaria, Isabel Rebollido xa soñaba con ser astrofísica. Se os anos que abrangueron a súa educación ata o bacharelato foron coser e cantar, cando entrou na carreira de Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC) entendeu que ese percorrido non ía ser tan doce como pensaba: «Esperaba que fose un intento por entender a natureza moito máis práctico, pero Física é un estudo moi duro, con moitas matemáticas e moi pouco visual».
O seu primeiro ano na USC foi un desastre, en termos académicos, mais non a botou atrás, xa que iso non quería dicir que a «Física non fose marabillosa». Comprendeu que só era distinto e a así se mantivo firme no sendeiro que sempre quixo percorrer: ser astrofísica. Apostouno todo ás materias desta área e namorouse do observatorio universitario, ata escoller o sentido do seu traballo de fin de carreira: «Os procesos de creación de núcleos pesados».
Se rematou un 15 de setembro, cinco días máis tarde xa estaba en Tenerife, na Universidad de La Laguna, cursando o máster de Astrofísica. Nese momento, produciuse o seu particular big bang, cunha explosión de coñecemento nutrida por todos os investigadores internacionais cos que compartiu infinitos debates e coñecementos. Alí coñecería de primeira man o observatorio de Izaña no Teide, ou o de Roque de Los Muchachos na Palma; que máis tarde servirían para sinalar a Fi Leo.
Un camiño duro
Rebollido xa se orientara ao análise da formación de exoplanetas no máster. O avance tecnolóxico derivado do satélite Kepler abríralle o camiño, pois se cando comezou nisto só se coñecían un puñado deles, en 2014 a cifra aumentaba en preto de 700. Ao remate do posgrao, marchou inmediatamente cunha beca de seis meses á Axencia Espacial Europea (ESA) en Madrid. Só había catro prazas e presentábanse 25 persoas a cada unha.
Arroupada polo que sería o seu codirector de tese, Benjamín Montefino, alí foi onde publicou o seu primeiro artigo na prestixiosa revista científica europea Astronomy & Astrophysics. Tras conseguir unha renovación por seis meses máis, o seu esforzo lévaa a conseguir a única beca do Ministerio de Economía para o doutorado deste cariz e entra no grupo de investigación que dirixe Eva Villaver na UAM.
En todo este tempo, a boirense comprendeu que a situación da investigación en España estaba e está profundamente limitada. Nese sentido sinalou a recente nova de que todos os contratos predoutorais que firmaron os investigadores do país, pasaron a adquirir o formato de formación en prácticas, coa correspondente baixada na cotización, cando son profesionais.
A pesar das dificultades, Isabel Rebollido non baralla cesar no soño de atopar un planeta con vida, aínda que teña que emigrar: «O problema non é marchar, é saber cando poderás volver».