«Get back»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Anda de xira esta tempada por Galicia a obra de teatro Get back, dirixida por Jorge Coira baixo idea de Camilo Franco e guion de Diego Ameixeiras. Chegará a Noia (coliseo Noela) o 25 de marzo, e se queren pasar un bo rato vaian collendo a súa entrada, que xa saben que o aforo do coliseo tampouco é para meter un campo de fútbol dentro. O caso é que Get back é atinada porque combina risa e reflexión, a través das peripecias de personaxes que representan a diferentes xeracións de londoners, que é como se chaman a si mesmos os galegos emigrados a Londres. Na obra, catro deles fican atrapados nun vagón de metro durante unha mañá calquera na capital do Reino Unido.

A nosa costa segue a ser desa emigración ao mundo anglosaxón, tanto ao Reino Unido coma aos Estados Unidos, como ben saben. Aínda o outro día un amigo me comentaba que ceando na Trattoria Trecolori, preto de Times Square, en Nova York, o dono, galego (si, galego) sinaloulle catro ou cinco mesas con familias de Muros, Ribeira e Noia. Pero alén da anécdota, Get back fálanos sobre todo da nova emigración, esa que non o parece porque o Ryanair cuspe aos seus fillos e fillas cada Nadal, Páscoa e nalgunha ponte longa.

É terrible a soidade destes novos emigrantes: rapazas e rapaces que están preparados, aos que o seu país négalles as posibilidades e acaban traballando en postos devaluados. E digo soidade porque os nosos gobernos (e non soamente eles) negan que sexan realmente emigrantes. Get back propínalle a estes negacionistas unhas cantas verdades (entre os imprescindibles risos) na cara.