Cuestión de caramelos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

Este 5 de xaneiro, igual que nos últimos anos, estiven na cabalgata de Reis de Ribeira e temín pola miña vida. Non por estar en Ribeira, claro, senón porque temín verme esmagada pola marea humana que se arremuiñaba arredor miña cada vez que un monarca de Oriente, un paxe ou un neno da comitiva arrebolaba caramelos polo aire. Segue chamándome a atención que os rapaces acudan ao desfile debidamente equipados con bolsas de plástico e ata mochilas para gardar o seu botín, pero non se lle pode reprochar, noutros tempos poñiamos o paraugas do revés, porque ademais daquela case sempre chovía o día da cabalgata. Será cousa do cambio climático. Pero non foron os cativos a causa pola que vin ameazada a miña integridade física, aínda que algún a piques estivo de tirarme cando se lanzou polo chan na procura dos doces; foi a ambición dos seus pais o que máis pasmada me deixou.

Ata o punto, incluso, de que eran moitos os que apremaban aos seus rapaces a gritar pedindo máis e máis caramelos e a colocarse nunha posición preferente para coller as prezadas, prezadísimas, lambetadas; a lanzarse ao chan cada vez que chovían os doces. Eran eles os que cada vez que pasaba unha carroza se queixaban de que apenas lanzaran caramelos e de que era moito mellor a colleita dos que seguían o desfile dende a beirarrúa de enfronte. E a verdade é que daba un pouco de mágoa ver ese espectáculo de pais co espiñazo dobrado para coller uns cantos doces en lugar de gozar da cara de pasmo e de ilusión que lucían os seus fillos ao ver pasar aos Magos que durante a noite lles ían deixar os regalos que pediran.

Os nenos, sobre todo os máis pequenos, non estaban alí polos caramelos, estaban alí polas Súas Maxestades, e os maiores somos incapaces de recobrar a ilusión a través dos seus ollos e só nos preocupamos de encher bolsas con doces nun exercicio de avaricia que deixa en bastante mal lugar a educación que lles estamos dando aos nosos nenos. Vendo a estampa recordei unha foto que se converteu nunha imaxe icónica deste ano que acaba de rematar: a dunha señora maior gozando do espectáculo de ver un desfile de rutilantes estrelas do cine mentres ao seu redor todo o mundo miraba a través das pantallas do seu teléfono móbil. E isto é un pouco o mesmo. En lugar de gozar da ilusión que senten os cativos nunha xornada como a de Reis, de compartir con eles ese sentimento e de fomentalo, estamos máis ocupados en apañar os caramelos que van tirando desde as carrozas.

Estes Reis Magos xa pasaron, pero volverán o ano que vén e eu xa sei o que lles vou pedir: recuperar a ilusión e as ganas de celebrar o 5 e o 6 de xaneiro coma o que son, días para os nenos.