«A inxustiza non fixo máis que fortalecer os meus principios políticos»

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Kake, como é coñecido en Boiro, espera que o proceso se arquive «porque non fixemos nada que fose ilegal»

24 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de outubro do 2015, no corazón do centro urbano de Boiro, un inusitado despregue da Garda Civil espertou aos veciños moi cedo, que non sabían o que estaba a ocorrer ata que, a media mañá, empezou a transcender que era unha actuación relacionada co terrorismo, termo este que asusta con só expresalo. Pouco despois do mediodía, saía polo portal da súa casa Xoán Fernández González, un coñecido mozo ao que chaman Kake. Ía da man dun axente que tapaba o seu rostro cun pasamontañas. A actuación formaba parte da operación Jaro, na que foron detidos nove integrantes da formación independentista Causa Galiza, considerada polo Ministerio do Interior brazo político do grupo armado Resistencia Galega.

-Non teño claro se fostes detido como terrorista ou por enaltecer o terrorismo...

-Si, si... a imputación é clara: integración en banda armada e enaltecemento do terrorismo. Iso é do que se nos acusa. Pero, xuridicamente, non se sostén. Non fixemos nada relacionado co terrorismo, simplemente fixemos política, porque Causa Galiza é unha formación política independentista.

-¿Entón por que cres que se produciron as detencións?

-O que trataron de facer foi reducir o independentismo galego a un problema de orde pública, e non recoñecer o seu carácter político. Tendo en conta o que está a pasar en Cataluña e en Euskadi, o que trataron coas detencións foi desfacer o independentismo galego organizado. Fixeron unha posta en escena tal que parece que pretendían que servise, ademais, de aviso a terceiros, como se dixesen «andade con coidado que imos a por vós». Logo, a conxuntura de crise tamén era a idónea para facer a demostración que fixeron e así desviar a atención sobre os problemas reais da poboación, como a corrupción e a sistemática perda de liberdades dos cidadáns. Habería que calcular o custe que supuxo a operación, porque á miña casa viñeron máis dunha ducia de gardas, que se os multiplicas polas nove detencións que practicaron en Galicia, debeu ter un alto custe, para nada.

-¿Ti, vós ou Causa Galiza apoiabades a loita armada?

-No artigo 2.6 dos estatutos, apartados 1 e 2, sobre os métodos de intervención, de Causa Galiza están claras as formas que defendemos para acadar os obxectivos: a través da batalla ideolóxica, a mobilización popular e a loita electoral e institucional, tendo en conta os límites da legalidade española. Non apoio nin apoiamos a violencia. Se así fose, onde están as armas?, onde están os documentos que demostren a nosa relación co terrorismo? Non hai nada e esperamos que todo remate arquivado.

-¿Parece que estás tranquilo a pesar da acusación?

-Tranquilo non, porque a ameaza está aí. O enaltecemento do terrorismo está penado con entre un e tres anos de cárcere, e por integración en banda armada, entre 6 e 15. Non hai nada que demostre as acusacións, pero están aí. O proceso está en fase de instrución e non sabemos cando nin como vai rematar.

-¿Tivestes medo?

-Que entre a Garda Civil na túa casa ás sete da mañá, con armas e pasamontañas e que poñan todo patas arriba; que che leven o ordenador e todos dispositivos dixitais... máis que medo, o que me produciu foi preocupación, porque non sabía o que fixera; e máis aínda pola miña familia e os meus amigos, que o ían pasar mal polo que me estaba ocorrendo.

-¿De Boiro leváronche á Comandancia?

-Pasamos polo cuartel de Boiro, pero alí só me cambiaron de vehículo, pasando a un coche camuflado, e leváronme ao centro de saúde para facerme un recoñecemento médico. Logo fomos directos a Madrid, acompañado por tres gardas civís. Un coa cara descuberta e os outros dous con pasamontañas. Na viaxe sacaron o pasamontañas, pero puxéronme un anteface a min, que non me quitaron ata que estiven dentro das dependencias da Garda Civil en Madrid. Estivemos detidos 72 horas. A min trataron de convencerme de que colaborase porque disque ía saír malparado, pero o que me estaban a pedir era que mentise, porque non había nada que ocultar, non fixemos nada ilegal, de feito, incluso do que se nos acusa, de participar en actos que eles consideraban enaltecemento, como o de lembranza de Moncho Reboiras, estaban colgados na web de Causa Galiza. Se se tratase de actividades ilegais non as teriamos á vista.

-¿E como foron os interrogatorios en Madrid?

-Nos interrogatorios quedou demostrado que a operación tiña unha motivación política, porque nos preguntaron por cuestións políticas, como se nos xuntabámonos co Bloque, que falabamos. E incluso o xuíz calcou as mesmas cuestións que nos fixera a Garda Civil cando estabamos en detención preventiva.

-¿Cando estabas en Madrid, só nunha cela, que pensabas?

-Pensaba na miña familia, na miña moza, nos meus amigos. Estaba en aquel cubículo sen nada que facer e non facía máis que darlle voltas á cabeza. Axudoume moito chamar o primeiro día á miña moza, cando me deixaron, e me dixo que houbera unha concentración no meu apoio na praza do Concello á que fora moita xente, porque foi unha evidencia de que, tralo desconcerto inicial, non conseguiran transmitir a falsa mensaxe que pretenderon coa operación Jaro.

-¿En que situación estás agora?

-Retiráronme o pasaporte e non podo saír do reino de España. Pero non todo é negro, porque desta situación tan desagradable para os nove detidos e as nosas familias ata puiden sacar conclusións positivas, como que a inxustiza non fixo máis que fortalecer os meus principios, e as demostracións de solidariedade foron tantas e seguen a ser, que non podo estar máis satisfeito e convencido de que todo vai acabar co arquivo, como ocorreu coa operación Castiñeira.

«O que trataron de facer foi reducir o independentismo

a un problema de orde pública»

«Nos interrogatorios quedou demostrado que a operación tiña unha motivación política»

«En Galicia non se ilegalizaba unha formación desde o Partido Galeguista no ano 1936»

Kake empezou a militar no independentismo cando estudaba no instituto, e continuou na universidade. Sinala que este movemento político é aínda feble en Galicia pois, segundo datos do CIS, un 20,1 % da poboación galega considérase nacionalista galega e un 11% estaría a favor da independencia. Con todo, pensa que pode chegar o día no que se acade o obxectivo, e lembra o que pasou en Cataluña, que empezou timidamente e chegou á situación de forza actual, aínda que é consciente de que as transformacións prodúcense en determinados contextos, que axudan ao seu desenvolvemento, ou non.

-¿En que situación está Causa Galiza agora?

-Aínda que está suspendida de actividade por espazo dun ano, nós consideramos que se trata dunha ilegalización, e en Galicia non se ilegalizaba unha formación política desde o Partido Galeguista no ano 1936. Presentamos recurso xudicial contra esta decisión e está pendente de resolución, e tamén o fixemos contra o proceso resultante da operación Jaro, porque non hai nada que demostre termos relación co terrorismo. É incerto que apoiemos a violencia. A actuación policial foi desproporcionada e baseada en argumentos irrisorios. Quixeron borrarnos do mapa a golpe da Garda Civil.

-¿Entón por que considera que molesta tanto Causa Galiza?

-Ante a crise económica e política, o Estado aumentou a intensidade represiva contra sectores populares e, sobre todo, contra organizacións políticas como Causa Galiza por representar un proxecto político antagónico ao da oligarquía, chegando a deter aos seus militantes e suspender a súa actividade.

-¿Que esperan que ocorra coa operación Jaro?

-Causa Galiza está suspendida de actividade por un ano sen que haxa nada ilegal nas súas actuacións, cando estamos a ver que hai organizacións políticas do sistema que teñen a consideración de xudicialmente investigadas (o que antes chamaban imputadas) e que, a falta de que finalicen os procesos que se seguen contra elas por corrupción, todo indica que cometeron graves delitos, non en van moitos dos seus membros está en prisión preventiva. ¿Por que non se suspenden de actividade como está a pasar con Causa Galiza? Temos a esperanza de que todo vai quedar en nada, arquivado, e estamos convencidos de que o que fixeron coa operación Jaro foi abrirlles os ollos a moita xente.