Luz

UXÍA CASAL

BARBANZA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo enriba unhas cantas estacións e podo afirmar que, polo momento, a que máis me gusta é o outono, coma a tantos outros que gozan desa luz dourada, menos intensa cá do verán e máis viva cá do inverno, dos matices tan variados da gama de marróns e ocres que co paso dos días vai dotando as follas das árbores, da aparición de novos animais e a marcha doutros... Gózase máis del, se cadra, despois dun verán tan prolongado coma o deste ano, que semellaba non ter fin e nos fixo botar de menos uns días de chuvia. Porque así somos nosoutros, os galegos, tan amantes do sol como morriñentos dunhas pingas que nos alivien del.

Nos sitios con mar esa luz adquire unha fondura maior, quizais por actuar ese mar coma unha lente reflectora, que converte o paseo nun interminable xogo de claroscuros, de sombras alongadas que destacan no chan da tardiña como se pretendesen indicarnos o camiño. Parece incrible que as cores dos obxectos avivezan de tal xeito que semellan acabadas de pintar; que o azul do ceo actúe coma unha pantalla na que resaltan en relevo casas e valados; que a atmosfera vibre tan animada coma un cachorro rebuldeiro... Este outono é especial: o primeiro sen mamá, pintora afeccionada, amante das cores e o debuxo, amante da vida.