Aproxímase o 25 de novembro e todo o mundo sabe o que iso significa, principalmente porque tanto nesta semana que toca á súa fin como durante a que está por vir asistimos e seguiremos asistindo aos anuncios das Administracións e de entidades sociais dando a coñecer as actividades a desenvolver con motivo do día internacional de eliminación da violencia contra a muller.
A propia Xunta vén de anunciar o reparto de milleiros de folletos informativos para concienciar contra esa lacra social. Nada que obxectar ao respecto, salvo porque, primeiro, ese tipo de iniciativas non deberían circunscribirse unicamente ás xornadas previas ao 25-N e, segundo, porque, por útiles que sexan para identificar e rebelarse contra o maltrato, de pouco serven por si soas ese tipo de campañas se non se poñen medios para asistir ás vítimas e garantir a súa seguridade. Vaia por diante que, cando menos, conseguiuse con actividades como as exposicións e lecturas de manifestos programadas en toda a bisbarra que esta cuestión deixe de considerarse un problema do ámbito doméstico para converterse nunha preocupación de toda a sociedade.
Outro síntoma de que se achega o día oficial da loita contra a violencia machista é a proliferación de propostas plenarias para esixir solucións a un problema ao que absolutamente ninguén é alleo. Ningún partido ousa manifestarse en contra de ningunha moción que busque erradicar o maltrato, sen embargo, conseguir un acordo unánime é máis difícil do que puidera parecer de entrada. O BNG está a presentar en todos os concellos unha iniciativa na que, entre outras cousas, demanda que se inclúa na lexislación o termo feminicidio, unha palabra que esperta moitas reticencias non se sabe moi ben por que motivo porque a propia Real Academia Española a inclúe no seu dicionario. En calquera caso, o preocupante de todo isto non é o problema lingüístico, senón a sospeita de que, se os grupos políticos non son capaces de poñerse de acordo en como chamarlle á violencia contra a muller, menos o serán para buscar solucións.
Que lle chamen xe se queren, pero que lle chamen algo mentres traballan para poñer os medios para acabar co maltrato e coas mortes, porque unha cousa está clara, o que se leva feito ata o de agora non é suficiente. Esta mesma semana, asasinaron a dúas mulleres, presuntamente en dous novos casos de violencia sexista, e custa levar a conta das que van este ano. Así que parece necesario algo máis que o reparto de carteis e a aprobación de mocións para atallar a situación. Sería preciso un pacto de Estado, deses cos que os políticos enchen a boca e case nunca aplican, para tratar garantir a protección ás vítimas e a educación en igualdade.