Po somos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

03 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que fomos educados na fe católica sabemos de toda a vida que po somos e en po acabaremos convertidos no final dos nosos días. Outra cousa pode que non, pero a morte está omnipresente na doutrina que nos ensinaban no catecismo. Iso predica a Igrexa, que, precisamente en vésperas das datas de Todos os Santos e Defuntos, época na que os cemiterios cobran vida e os que xa non están permanecen máis presentes, se é que iso é posible, na mente dos seus seres queridos, deu a coñecer unha controvertida decisión: a prohibición de acelerar ese proceso no que os corpos se reducen a po mediante a cremación. En realidade, aínda que se prefire o soterramento, permítese a incineración, pero non que as cinsas se vaian tirando por aí ou que cada un as leve para a súa casa, baixo ameaza de non celebrar as exequias polo finado.

A directriz de cara ao futuro parece clara, todo o mundo ten que acabar nun camposanto, pero ¿que pasa cos que xa van alá? ¿As almas daqueles cuxas cinsas foron esparexidas no mar ou ao pé dun carballo porque así o quixeron non poderán descansar tranquilas? ¿Os que gardan nunha urna os restos dos seus seres queridos para telos o máis preto posible terán que mercar agora un columbario ou un nicho para darlles sepultura? É o que pasa sempre, desde as altas instancias, xa sexan as do Goberno do Estado ou das autoridades eclesiásticas, póñense normas pero non se dan pautas concretas, nin se ten en conta a retroactividade nin se poñen os medios precisos para facer posible que aqueles que deben cumprir o mandado o fagan. E tampouco se ten en conta que quizais non todo mundo teña a posibilidade -económica ou material- de contar cunha propiedade nun cemiterio na que poder dar sepultura ás cinsas dos seus familiares. Está claro que os panteóns nin son baratos nin se poden mercar así como así. Se non, que llo digan aos centos de familias que están agardando a poder facerse cun oco na necrópole da súa parroquia, ou aos que tiveron que agardar anos e anos para conseguir, á fin, un lugar no que poderán repousar chegado o momento. Ou que llo pregunten aos veciños que se poñen á fronte de asociacións para tratar de sacar adiante a ampliación dun camposanto, unha tarefa titánica cunha tramitación burocrática interminable e na que a Igrexa non sempre actúa coa axilidade desexable.

E á fin e ao cabo, ¿para que abrir unha polémica estéril e innecesaria? ¿Por que non deixar as cousas como están? Se total, que se saiba, ou cando menos as autoridades civís non se pronunciaron nese sentido, non supón ningún problema sanitario, non vexo inconveniente en que cada quen decida o que quere que se faga co seu po. Eu declárome partidaria do vive e deixa vivir, e que cada un reciba a despedida que queira ao morrer.