A fraxilidade da memoria

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

Un día, Rianxo soñou con ter unha Academia Literaria. Era un gran proxecto, una iniciativa moi bonita que buscaba poñer en valor a figura e a obra dos seus grandes ilustres e que pivotaba sobre as tres vivendas da rúa de Abaixo nas que viviron. Non era unha proposta faraónica en canto á infraestrutura precisa para levala a cabo -á fin e ao cabo as casas dos escritores xa estaban aí-, pero acabou por converterse nunha pataca quente en mans do Concello, incapaz durante anos de lograr que as Administracións que no seu día auspiciaron o proxecto sacaran o talonario para financialo.

E así, a academia naceu coxa, moi coxa, porque das tres patas sobre as que debería sustentarse só unha chegou a bo termo. A casa museo de Manuel Antonio abriu as súas portas no ocaso do goberno de Pedro Piñeiro e pouco a pouco o proxecto foi perdendo pulo e deixou de falarse del. Ata que agora, por fin, parece que volve abrirse unha raiola de esperanza coas obras que permitirán frear o deterioro que xa fixo estragos na vivenda que ocuparon Rafael Dieste e a súa dona, hoxe retratados nunha das portas, na rúa de Abaixo. E logo haberá que seguir dando pasos para transformala nun museo.

Algúns dos historiadores rianxeiros que faleceron nos últimos anos lamentarán non ter visto cos seus ollos o avance da Academia Literaria, e pode que o seu desenvolvemento total non o chegue a ver nunca ninguén, polo menos tal e como se concibiu no seu momento. Aínda que iso poida depender máis de vontades que de cartos -como pasa case sempre, por outra parte- pola falta de acordo cos propietarios da casa de Castelao, dá que pensar na forma de plantexar os proxectos e os investimentos neste país. E moito me temo que a crise que deixou a medio facer unha manchea de iniciativas e de edificios públicos en toda a comarca non servira para tomar nota e facer propostas menos ambiciosas.

Á espera de que se constitúa o Parlamento galego e Feijoo tome posesión de novo como presidente da Xunta, os alcaldes están elaborando xa a súa particular lista de desexos para facerlla chegar ao conselleiro que corresponda en canto ocupen as súas carteiras os novos membros do Goberno. No é pouca cousa o que piden os rexedores: investimentos por corenta millóns de euros. Certo é que moitas das reivindicacións veñen de antigo e os responsables dos concellos repítenas ano tras ano coa esperanza de que, por fin, apareza unha partida para elas nos orzamentos. Tamén teñen razón, por pedir que non quede...

Pero é preciso non perder de vista de onde vimos. De momento, salvo excepcións, as peticións non son millonarias, pero a memoria é moi fráxil.