Os trobadores do século XXI

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

O carnotán Pepe Sendón aliouse con Sabela Galbán para interpretar e musicar os contos de Dieste

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Amplamente recoñecido no mundo da escena polas súas facetas de músico, escritor e actor, o carnotán Pepe Sendón, cuxo nome está vinculado entre outros moitos proxectos ao nacemento da compañía Chévere e á Sala Nasa de Compostela, ven de embarcarse nunha aventura coa que pretende darlle protagonismo ao relato curto. Trátase de agrupar contos que teñen un nexo en común ou que son totalmente opostos converténdoos nunha proposta escénica que se presenta baixo o título de Liñas paralelas.

Sendón explica que o resultado, que xa se veu en Santiago e esta mesma tarde farase visible en Rianxo, é o froito dun proceso longo: «Fixen unha compilación de relatos curtos, tanto de autores galegos como internacionais, o que me levou, en moitos casos, a realizar un exhaustivo traballo de tradución». Neste proceso atopouse con Os arquivos do trasno de Rafael Dieste, un libro que considera «capital» no eido literario a nivel internacional: «É unha obra sen precedentes na época, que se sae do estilo costumista e de raíz popular imperante na época para ser extremadamente moderno. É un libro descoñecido pero tremendamente innovador».

A partir dos oito contos que integran o volume do escritor rianxeiro, Pepe Sendón foi tecendo unha rede de relatos, asinados por escritores variados, tanto de Galicia coma do resto de Europa e incluso de América, Siria, Xapón ou India. O resultado é un ciclo con máis de medio cento de contos distribuídos en oito sesións, cada unha das cales arrancará cun dos títulos de Dieste. Divulgar un xénero literario que considera descoñecido marca o inicio da travesía do carnotán: «Quero compartir a paixón que sinto por descubrir autores de relatos curtos, porque penso que é un xénero que está agochado detrás da novela, que arrasou no século XX».

Con frauta e acordeón

Para levar a escena Os arquivos do trasno, Pepe Sendón decidiu arrouparse por un artista da terra de Rafael Dieste, que se encargara de poñerlle o toque musical ás montaxes. Chamou á porta de Sabela Galbán, que non podía estar máis satisfeita de verse involucrada nesta viaxe literaria: «Pareceume unha iniciativa moi interesante». Ela leva desde os 5 aniños vinculada ao mundo da música: «Empecei tocando o piano e agora xa rematei os estudos no Conservatorio Superior da Coruña». Participa de forma simultánea en varias formacións: «Toco a frauta na banda de música de Rianxo e o acordeón, en Carapaus e Vai de Roda».

E serán estes dous instrumentos os que acompañen a Sabela Galbán enriba das táboas do auditorio rianxeiro. Tamén ela fixo un importante traballo de documentación para poñerlle música á selección de contos do carnotán: «Mergulleime no arquivo de música de Rianxo, onde contei coa colaboración dun especialista na materia, Luis Dopico. De feito, ao longo das diferentes sesións vou empregar temas inéditos que atopei alí».

Nin que dicir ten que o desembarco de Liñas paralelas en Rianxo contou desde o primeiro momento co visto bo do executivo local. Tódalas partes que se suman nesta iniciativa teñen como meta común difundir a obra de Rafael Dieste. Asegura Pepe Sendón que o seu obxectivo foi argallar un espectáculo que puidera chegar a todo tipo de públicos.

O ciclo que esta tarde comeza na vila rianxeira non pretende ser unha iniciativa illada. Ao contrario. O seu promotor aspira a, do mesmo xeito que fai con Dieste, poder dar a coñecer no futuro a obra de outros autores a partir dos seus relatos. De feito, ten entre mans un proxecto para desenvolver na Pobra. Serían tres sesións para as que contaría coa colaboración dun músico local, o guitarrista Marcos Teira.