«O Día da Bicicleta pon en manifesto a necesidade dunha vida saudable»

S. Gómez

BARBANZA

marcos creo

Involucrado na posta a punto da marcha sobre as dúas rodas, cree que é clave para acadar un cambio de mentalidade

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Geno Rodríguez (Boiro, 1973) destila deporte por cada un dos seus poros. Converteu a súa paixón no seu oficio, xa que exerce como técnico de Deportes do Concello de Boiro. El é unha peza fundamental no engrenaxe que pon en marcha o Día da Bicicleta, que chegará este domingo á localidade barbancesa para invitar aos veciños a que tomen as dúas rodas e saian a gozar dunha xornada que medra cada ano.

-¿Que supón para o seu departamento o Día da Bicicleta?

-O Día da Bicicleta pon de manifesto a necesidade dunha vida saudable. Funciona para promover o deporte e dálle relevancia á importancia do exercicio físico.

-Teñen 600 persoas apuntadas e o prazo está aberto, parece que será a edición con máis público. ¿Pensan que ten teito?

-A vosa labor é fundamental para que medre, dende que La Voz de Galicia nos bota unha man ca organización e coa difusión da proba a actividade non para de medrar.

-Velar pola seguridade de case un millar de persoas non debe ser nada sinxelo.

-A organización non é complicada xa que só hai un pelotón, o que dá máis traballo é atender á xente e a seguridade. Temos que extremar a precaución na marcha xa que van rapaces moi pequenos, por iso nos coordinamos coa Policía Local de Boiro, o Grupo Municipal de Emerxencias de Boiro e a Garda Civil.

-¿Como considera que se atopa o deporte en Boiro?

-Estamos nun momento de expansión, no que hai un tecido asociativo moi amplo que complementa o noso traballo. Por outro lado, hai un estudo da ONU que estima que arredor dun 60% da poboación non practica a suficiente actividade física. Un dos motivos é o descenso no uso dos medios de transporte activos. Cada vez camiñamos menos, só usamos o coche, por este motivo queremos manter o Día da Bicicleta, é unha maneira de concienciar á xente de que é necesario o deporte para gozar dunha boa calidade de vida.

-Que participen na xornada familias enteiras permite que esa mensaxe se estenda a tódolos rangos de idade.

-Sen dúbida, cando unha familia acode cos fillos, eses cativos teñen moito gañado para ver que hai outros estilos de vida saudables. Se os pais poñen aos rapaces en contacto co deporte van coller ese hábito co tempo. Tamén funciona ben á hora de circular logo co coche, porque os participantes danse conta de que os ciclistas son moi vulnerables nas estradas. Por último, hai outro punto, que é o uso do casco, a día de hoxe case ninguén se cuestiona se é necesario levalo.

-¿Cada euro invertido en deporte é un euro aforrado en menciñas e tratamentos?

-Creo que si, a maioría dos traballos de hai anos eran físicos, ao contrario que hoxe, que os máis pesados fanos as máquinas. Os rapaces, por exemplo, son máis sedentarios, xa que teñen os ordenadores ou os videoxogos. Temos que conciencialos, ou dentro duns anos, cando medren, terán problemas de saúde graves en canto a obesidade, pero tamén na relación con outras persoas. Os tempos cambian, e nós con eles, por iso é adecuado adaptarse mediante o deporte.

-Cada día máis xente maior se lanza a practicalo.

-É certo, a sociedade comeza a estar moi mentalizada, non é raro ver a persoas que van dende os 30 ata os 60 anos, pero parece que non sempre se inculca ese hábito nas novas xeracións. Eu creo que con actividades como o Día da Bicicleta conseguimos que a mentalidade da xente cambie paso a paso.